Esta semana faleceu Maricarmen, unha muller cun nome común, que nos lembra que a súa loita non era só súa, senón a de tantas persoas que ven ameazado un dos seus dereitos máis básicos: o dereito a unha vivenda digna.
No grupo de Iniquidades en Saúde e Saúde Internacional da AGAMFEC queremos lembrar que a saúde non depende só da atención sanitaria, senón tamén das condicións nas que vivimos, dos determinantes sociais da saúde. Porque poucas cousas condicionan tanto a saúde como ter un teito baixo o que vivir. A evidencia científica confirma o que o sentido común xa nos di: botar da súa casa a unha muller, teña a idade que teña, pode ter un gravísimo impacto na súa saúde.
A loita de Maricarmen tamén debería ser a loita das médicas de familia, pois de nada serve tratar as enfermidades se ignoramos as condicións sociais que as provocan ou agravan. Como profesionais da atención primaria, temos a responsabilidade de visibilizar estas inxustizas e defender os dereitos básicos das persoas.
Maricarmen non morreu. Maricarmen foi vítima dun sistema que só procura o beneficio e non protexe os dereitos básicos. A vivenda é un dereito. A vivenda tamén é saúde.
Grupo de traballo de Iniquidades en Saúde e Saúde Internacional
Escribe agruposdetraballo@agamfec.com se queres formar parte deste Grupo de traballo

