Curso rematado: ECOCARDIOSCOPIA CLÍNICA BÁSICA

Os días 21 e 28 de setembro de 2026, no Centro de Saúde de Concepción Arenal (Santiago de Compostela) Emiliano Fernández-Obanza Windscheid, médico de familia e cardiólogo, integrante do grupo de Traballo de Enfermidades cardiovasculares de AGAMFEC, realizou o curso “ECOCARDIOSCOPIA CLÍNICA BÁSICA PARA MÉDICOS/AS DE ATENCIÓN PRIMARIA”, dirixido a médicos/as de Atención Primaria interesados en incorporar a ecocardioscopia como ferramenta clínica na súa práctica diaria. O curso foi recoñecido como Acto de Interese Sanitario pola Consellería de Sanidade (Nº de expediente: SA301A 2026/13-1).

Dividiuse en dúas sesións prácticas, cunha metodoloxía participativa e orientada á práctica clínica e con acceso dos alumnos a formación teórica online.

Sesión 1 – Adquisición de imaxes (21 de setembro)

Iniciouse cunha introdución e obxectivos do curso. Repasáronse as bases prácticas da ecocardioscopia e identificáronse as ventás ecocardiográficas básicas. Tras un descanso, abordouse a anatomía ecográfica e a normalidade. A sesión rematou cun Taller práctico centrado na obtención dos planos fundamentais, no que os propios alumnos participaron como modelos para practicar co ecógrafo.

Sesión 2 – Interpretación clínica (28 de setembro)

Comezou cun repaso interactivo e continuou coa exposición dos achados clave en ecocardioscopia. Tras o descanso, aplicáronse os coñecementos en escenarios clínicos e realizouse un Taller práctico, centrado en casos clínicos e na toma de decisións. A sesión pechouse cunha avaliación e posta en común.

O curso permitiu aos asistentes coñecer as bases prácticas da ecocardioscopia, identificar as ventás básicas e obter imaxes interpretables, recoñecer a anatomía normal e os achados clave, e aplicar a técnica a situacións clínicas frecuentes en Atención Primaria. Adquiriron competencias como o manexo básico do ecógrafo, a obtención das ventás estándar, a interpretación básica da función ventricular, derrame pericárdico, ventrículo dereito, VCI e alteracións valvulares significativas, así como a integración clínica dos achados.

A actividade desenvolveuse conforme ao programa previsto, cunha participación activa e moi satisfactoria por parte dos asistentes. O formato de dúas sesións prácticas con equipos de ecocardiografía e a posibilidade de contar con pacientes permitiu achegar a formación á realidade da consulta de Atención Primaria.

Moitas grazas pola vosa participación!

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.