O luns 4 de maio de 2026 na Aula do Centro de Simulación Clínica CSIS do Hospital Gil Casares (Santiago de Compostela) integrantes do Grupo de Traballo de Urxencias de AGAMFEC, realizaron o curso CÓDIGOS de EMERXENCIAS SANITARIAS DO SERGAS dirixido a residentes e médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria e recoñecido como Acto de Interese Sanitario pola Consellería de Sanidade (Nº de expediente: SA301A 2026/8-1).
Iniciouse a exposición teórica duns 45 minutos de duración. O grupo 1 comezou por Código Sepse, Cógido Anafilaxia e Código Trauma Grave. O grupo 2, PROGALIAM e Código Ictus. Nesta breve exposición, repasáronse os criterios diagnósticos, criterios de activación, así como a abordaxe inicial e tratamento de soporte de cada unha das patoloxías dende o punto de vista de Atención Primaria e PAC.
Práctica:
Cada grupo se subdividiu para realizar casos prácticos en maniquíes de simulación avanzada. Realizouse unha simulación completa da asistencia: prebriefing, establecemento de roles, diagnóstico, activación e coordinación coa Central do 061, tratamento e estabilización inicial do paciente, etc. Despois de cada caso houbo un debriefing no que participaba todo o grupo. Tódolos asistentes participaron activamente en alomenos 2 simulacións clínicas e en tódolos debriefings, onde se expuxeron e se resolveron dúbidas e cuestións respecto á actuación realizada polos compañeiros/as nun ambiente distendido e amable pero crítico e basado na evidencia.
Despois dun breve descanso os grupos invertíronse e se realizaron de novo as exposicións teóricas (40 minutos) e a práctica de simulación avanzada (1h 20 minutos), de forma que o curso abarcou 4 horas en total.
Antes de rematarmos, realizamos unha breve sesión grupal para resolver as últimas dúbidas, agradecer a todos os asistentes a súa amabilidade e a súa colaboración, e repartir a avaliación do curso, a cal resultou moi positiva, resaltando os asistentes a accesibilidade dos docentes para resolver dúbidas, a idoneidade de realizar simulacións específicas para a casuística de AP e a necesidade de realizar novos cursos con esta dinámica. Por tanto, o Grupo de Traballo considera que o curso acada satisfactoriamente os obxectivos formativos previstos.


