Comunicado de Agamfec sobre a folga convocada para o vindeiro 27 de outubro

0 634

A Xunta Directiva da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), asociación dos médicos e médicas de familia galegos con máis de 1.000 afiliados, quere manifestar ante a cidadanía e os seus socios o seu apoio aos motivos que moven a folga convocada para o próximo martes, día 27 de outubro.

O motivo principal da folga é pedir a retirada do Real Decreto-lei 29/2020 de medidas urxentes en materia de teletraballo nas Administracións Públicas e de recursos humanos no Sistema Nacional de Saúde para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, que permite a contratación de profesionais médicos extracomunitarios e sen especialidade, e mesmo que outros especialistas poidan exercer a especialidade de Medicina de Familia. Como temos dito recentemente, consideramos que esta medida é un torpedo na liña de flotación do buque insignia da sanidade: o noso modelo de especialización, o admirado e copiado internacionalmente sistema MIR.

É un despropósito ter un dos mellores sistemas formativos do mundo e desprezalo de xeito semellante. Co mantra repetido de que non hai médicos, se quere corrixir a falta de previsión e a nefasta política de recursos humanos desta maneira improvisada. Non é certo que non haxa médicos. Nos últimos dez anos formáronse en España 19.000 médicos de familia, pero ante os contratos lixo e a precariedade fuxiron buscando mellores condicións laborais noutros países máis sensibles á excelencia co noso. Se houbese unha meirande consideración cara os nosos residentes, non teriamos estas urxencias; e mesmo se ofertásemos as condicións laborais doutros países, quizais volverían moitos a traballar ao noso.

Tamén queremos poñer de manifesto que o número global de médicos en España non é dos peores da nosa contorna, o que si é diferente é a proporción de médicos de Atención Primaria fronte aos de Atención Hospitalaria. Nesas contas somos claramente deficitarios no primeiro nivel, e aí está a responsabilidade da administración sanitaria

Por outra banda, temos que insistir que nun tempo de crise sanitaria global e afrontando unha delicada e difícil situación, non semella prudente baixar a calidade e excelencia dos profesionais sanitarios. A nosa cidadanía precisa dos mellores recursos e dos profesionais máis capacitados para controlar a pandemia provocada pola COVID-19.

Temos unha responsabilidade na xustiza e equidade internacional, e debemos insistir en que non parece axeitado detraer recursos de países máis necesitados e con condicións sanitarias máis precarias cas nosas.

Coma sempre, as solucións pasan por un mellor financiamento da Atención Primaria, dotándoa dos medios materiais e humanos precisos para as súas funcións, sen buscar atallos e sen afondar na precariedade.

Reiteramos, por tanto, que queremos manifestar o noso apoio aos motivos que moven esta folga, pero cada un de nós debe asumir a responsabilidade e decisión axeitadas. Como sociedade científica comprometida na mellora das condicións dos nosos profesionais e a excelencia da atención sanitaria, agardamos da sensatez da administración unha reconsideración deste decreto tan lesivo, tanto para os profesionais como para a cidadanía.

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies