25N. A MEDICINA DE FAMILIA, AO LADO DAS MULLERES

Este 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, queremos lembrar que a violencia machista non desaparece: transfórmase.

As novas tecnoloxías abriron vías de agresión impensables hai poucos anos. Compártense sen consentimento imaxes de parellas, nais, irmás ou fillas en grupos de redes sociais e aplicacións de mensaxaría, e a facilidade para manipular fotografías e xerar contido sexual falso, que logo circula pola rede, multiplica o dano.

Ao mesmo tempo, desde as consultas de atención primaria seguimos comprobando que a violencia no ámbito familiar e de parella continúa a ser unha realidade preocupante.

Neste contexto, consideramos necesario reafirmar que os dereitos conquistados polas mulleres, froito de décadas de loita, non son un logro garantido e requiren unha defensa constante. Calquera retroceso na igualdade, na protección ás vítimas, na saúde sexual e reprodutiva ou na universalidade e calidade do sistema sanitario público repercute directamente na saúde das mulleres e das persoas máis vulnerables.

Ser médica ou médico de familia é moito máis que diagnosticar e tratar enfermidades ao longo da vida das nosas pacientes. É escoitar, acompañar, detectar a violencia na consulta e darlles voz a quen non a ten. Sabemos que a equidade é un determinante fundamental da saúde: non hai saúde sen equidade.

Por iso, convidamos ao conxunto da cidadanía e ao colectivo profesional a manter un compromiso activo coa igualdade e a exercer con responsabilidade os seus dereitos cívicos. Seguiremos traballando pola seguridade, a liberdade, a saúde e a vida das mulleres, das nosas familias e das nosas pacientes.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.