COMUNICADO SEROPREVALENCIA COVID19 AGAMFEC

A AGAMFEC estima necesaria a finalización do estudo de seroprevalencia COVID –19 en Galicia.

O Servizo Galego de Saúde anunciaba o 22/04/2020 na Sala de Comunicación da súa páxina web que no día seguinte daría comezo un estudo en dúas ondas co obxectivo de definir a auténtica dimensión da epidemia da COVID-19.

Os profesionais descubrimos as cuestións xerais do estudo polos medios de comunicación, e tan só nos días previos foi comunicado de xeito oficial como se ía desenvolver o traballo de campo. Este centrouse no persoal de enfermería dos centros de saúde que deberían contactar cos individuos seleccionados, obter o seu permiso, facerlles unha enquisa, citalos, realizarlles o test practicando unha punción dixital,  comunicarlles o resultado e rexistralo na historia clínica .

Do estudo seguimos a descoñecer o deseño do mesmo: tipo de estudo, cálculo e precisión do tamaño da mostra, tipo de mostra, aspectos éticos, xestión de datos e análise dos mesmos, entre outros aspectos.

O que si sabemos, xa sobrepasada a primeira semana do estudo, é que:

A carga de traballo  non é desprezable, xa que un bo número de enfermeiras destinan a meirande parte da súa xornada a facer o estudo, mentres o resto ten que se ocupar dos seus labores e dos das compañeiras ocupadas.

A mobilización de profesionais, e sobre todo de poboación sa, non está exenta dun incremento nos riscos de transmisión.

Os resultados obtidos ate o momento son definitorios ao situar aos positivos en torno ao 1% dos estudados.  Cabe pensar que os datos non mudarán por máis que se incremente a toma de mostras. Os estudos acostuman a interromperse cando os resultados amosan unha tendencia indiscutible.

Mentres se empregan test en abundancia para este estudo, en Atención Primaria seguimos sen dispoñer da posibilidade de solicitar e realizar test diagnósticos a todos os casos sospeitosos de COVID-19, véndonos obrigados a confinar no seu domicilio, en ocasións por tempo prolongado, a doentes e aos seus contactos sen termos confirmación de se son ou non casos de COVID-19.

De todo isto so compre concluír,  dentro dunha  ánalise custo/beneficio e considerando os custos oportunidade xerados, que o estudo debe rematar.

Os datos xerais, a día de hoxe, están a poñer enriba da mesa a necesidade de iniciar o que demos en chamar coloquialmente desescalada: unha nova organización do sistema sanitario para afrontar a nova etapa da pandemia da COVID-19. Etapa na que a Atención Primaria debe xogar un papel fundamental e para o cal necesita todos os recursos dispoñibles e un claro impulso da súa capacidade resolutiva. A baixa inmunidade da poboación en Galicia debuxa un escenario no que todo isto cobra mais valor, xa que sen unha Atención Primaria forte e capaz os riscos de rebote, con datos de incidencia aínda máis grandes dos xa sufridos, non son menospreciables.

A AGAMFEC, tras o exposto, solicita a finalización do actual estudo de seroprevalencia, a análise dos datos obtidos e a publicación do resultado dos mesmos. Así mesmo, consideramos que os test diagnósticos así liberados débense por ao dispor dos Servizos de Atención Primaria para o seu emprego en base a criterios clínicos.

 

En Santiago de Compostela a 5 de Maio de 2020

A Xunta Directiva de AGAMFEC

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *