A folga xustificada.
As sociedades científicas de Atención Primaria (AP) —Agamfec, SEMG e Semergen— deciden apoiar as mobilizacións e as convocatorias de folga en AP previstas para os derradeiros días de novembro.
Consideramos que as reivindicacións expresadas non responden a motivos laborais —que, en caso de existir, serían plenamente lexítimos—, senón que son estritamente profesionais. Como sociedades científicas, temos a responsabilidade de velar pola excelencia dos profesionais, pola competencia derivada da especialidade que representamos e pola eficacia e adecuación da resposta da organización sanitaria ás necesidades da poboación.
As medidas anunciadas polo SERGAS vulneran de maneira directa estes principios.
A creación de novas categorías profesionais como a de “facultativo especialista en atención primaria” atenta contra a equidade organizativa, dificulta o traballo en equipo nos centros de saúde, aumenta previsiblemente as ausencias e erosiona a lonxitudinalidade, un dos valores nucleares da Atención Primaria. Por estas razóns as sociedades científicas de AP estamos en contra da creación dunha nova categoría profesional e solicitamos que sexa retirada esta proposta de xeito oficial.
Pola súa parte, a contratación de médicos sen a especialidade obtida vía MIR resulta indefendible. As sociedades científicas coincidimos en que esta é unha liña vermella que non se pode traspasar baixo ningún concepto. Ningunha sociedade científica, de ningunha especialidade, pode aceptar un ataque semellante á calidade asistencial nin ás nefastas consecuencias que isto supón para a saúde da cidadanía.
Aproveitamos para solicitar a comprensión e o apoio da poboación nestes momentos complexos, nos que están a ser cuestionados os valores e a excelencia profesional que sustentan unha Atención Primaria de calidade.

