Agamfec mostra o seu rexeitamento ante o Real Decreto de medidas urxentes en materia de recursos humanos no Sistema Nacional de Saúde

0 66

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) quere manifestar ante a Administración e a opinión pública o seu rexeitamento ante o Real Decreto-lei 29/2020 de medidas urxentes en materia de teletraballo nas Administracións Públicas e de recursos humanos no Sistema Nacional de Saúde para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID19. Segundo estas medidas, vanse poder traspasar profesionais desde os hospitais á Atención Primaria e asumir por parte de enfermería labores de medicina en Atención Primaria, así como contratar médicos extra comunitarios sen formación específica. Precisamente nestes tempos de maior dificultade e complexidade da atención sanitaria óptase por rebaixar a capacitación e excelencia do sistema.

Henry Ford recordábanos que hai algo peor que formar un traballador e que se marche, e é non formalo e que se quede. No noso Sistema Nacional de Saúde non se podía facer nada peor despois de ter dilapidado promocións de excelentes profesionais na busca dunha vida e un traballo mellores fóra do noso país.

As solucións que se buscan son máis fáciles, rápidas e tamén máis baratas. Propuxéronse outro tipo de medidas por parte de excelentes expertos, tanto no Parlamento nacional como no autonómico, e de sociedades científicas como a nosa, para afrontar a pandemia por parte dunha Atención Primaria que xa sufría unha endémica carencia de medios e, aínda así, propoñen solucións apresuradas, perigosas e absurdas que menoscaban a calidade do Sistema Nacional de Saúde.

As solucións, como xa se apuntou ata a saciedade, pasan por reforzar e elevar as competencias dos profesionais, asumindo o máximo das súas competencias con excelencia, por atraer o talento fugado con contratos atractivos e desburocratizar a consulta médica para darlle un contido de valor á saúde dos pacientes. Non se pode ter unha sanidade de calidade europea con contratos precarios. Temos un compromiso coa equidade internacional e non debemos subtraer profesionais de países con máis necesidades e precariedade ca o noso. Non é momento, en tempos de alarma, de rebaixar a calidade e competencia do sistema, senón de reforzalo con inversións e unha aposta clara pola excelencia. No camiño do reforzo e a aposta polas reformas positivas da Atención Primaria coincidiremos, mais o noso rexeitamento a estas medidas é absoluto e agardamos que se reconsideren polo ben da nosa comunidade e dos seus membros máis vulnerables, os máis prexudicados por unha merma destes servizos.

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies