Posición da AGAMFEC ante o novo contrato de Atención Primaria

0 408

Esta publicación tamén está dispoñible en: Español (Castelán)

A asociación galega de medicina familiar e comunitaria manifesta o seu desacordo, e importante preocupación, ante a firma do modelo de contrato de nomeamento estatutario de continuidade asistencial por parte da Consellería de Sanidade e os sindicatos CESM-O´ MEGA, SATSE,UXT e CSIF, cunha présa inusual e sen ter en conta as opinións dos profesionais afectados que xa manifestaran a súa desconformidade co borrador inicial.

Consideramos que a firma deste contrato non achegará ningunha vantaxe, nin para os profesionais nin para os pacientes.

Producirase unha perda da continuidade asistencial, ao producirse unha atención ao paciente por un médico novo cada quince días, o que comporta unha diminución da calidade asistencial e, consecuentemente, os pacientes continuarán sen poder alcanzar o seu dereito a unha atención sanitaria digna.

Así mesmo, pensamos que pode diminuír a seguridade na atención do paciente pola posible atención médica dun profesional que foi obrigado a traballar o máximo de 192 horas mensuais, segundo as necesidades que as respectivas EOXI consideren.

As condicións laborais do citado contrato vulneran dereitos básicos, facendo imposible a conciliación da vida familiar e a organización da vida persoal dos profesionais que o acepten.

Apuntar tamén que segundo este novo modelo de contrato obrigarase a traballar en períodos inferiores a 15 días en diferentes centros, obrigando aos profesionais sanitarios a realizar polo menos 2 gardas cada mes sen garantir o dereito de libranza á que obriga a lei, xa que non se menciona no devandito contrato. Ademais, unicamente coñecerase o 60% da planificación laboral o cal obriga a unha dispoñibilidade do 40% de carga laboral imprevista, estando obrigado a atender a cobertura das necesidades que se xeren.

Ademais, non se deixa nada claro, que nun futuro se consolide en prazas estruturais este tipo novo de contratos.

Por todo iso e por non prever ningún beneficio sobre a situación de precariedade actual, manifestamos a nosa total oposición a este modelo de contrato e o noso apoio ao colectivo de médicos e médicas de familia en situación de precariedade laboral de Galicia; afirmando unha vez máis a necesidade de aumentar o número de prazas de médicos de familia nas OPEs para realmente dar unha maior estabilidade dos equipos de atención primaria, o que repercutirá, sen dúbida algunha, nunha maior atención sanitaria de calidade.

Para máis información:

https://www.agamfec.com/contacte-con-agamfec/

Deixa unha resposta

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies