Estatutos da AGAMFEC

TITULO I: DA ASOCIACIÓN EN XERAL: DENOMINACIÓN, NATUREZA, FINS, ENDEREZO, ÁMBITO, MODIFICACIÓN E INTERPRETACIÓN DOS ESTATUTOS
TITULO I:
DA ASOCIACIÓN EN XERAL: DENOMINACIÓN, NATUREZA, FINS, ENDEREZO, ÁMBITO, MODIFICACIÓN E INTERPRETACIÓN DOS ESTATUTOS

Artigo 1. Denominación

A asociación denomínase Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, en anagrama AGAMFEC. Rexirase, con carácter xeral, pola vixente Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo reguladora do Dereito de Asociación, e as súas normas complementarias e de desenvolvemento; de forma específica rexirase polo contido dos presentes Estatutos.

Artigo 2. Natureza e forma xurídica

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria é unha asociación sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, formada por médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria, de natureza científica e profesional, e que desenvolve as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderá federarse e confederarse con outras asociacións ou federacións de ámbito estatal ou europeo que teñan obxectivos e funcións semellantes.

Artigo 3. Ámbito territorial

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria desenvolve principalmente as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dito ámbito non exclúe nin limita a posibilidade de desenvolver actividades no Estado Español ou de alcance supranacional, ben sexa por si propia ou en relación e cooperación con outras entidades que persigan fins análogos ou similares.

A Asociación adopta como lingua oficial o idioma galego.

Artigo 4. Domicilio social

O domicilio social da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria radicará na localidade de Cambre (A Coruña),

Centro de Saúde de Cambre, Rúa Agra de Samosteiro 4 B, C.P. 15660 Web: www.agamfec.com

Artigo 5. Duración

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria terá duración indefinida e só se disolverá polas causas e na forma prevista na Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, nas súas normas complementarias, de desenvolvemento e execución e nos presentes Estatutos.

Artigo 6. Fins sociais

O obxecto social da entidade está constituido polo fomento, o desenvolvemento, a promoción e a divulgación da Medicina Familiar e Comunitaria e da Atención Primaria, en calquera dos seus ámbitos, ou que con eles poida relacionarse. Asimesmo, constitúe o seu obxecto social o desenvolvemento profesional dos seus membros e do conxunto dos profesionais que traballan no primeiro nivel de saúde, realizado en colaboración coas organizacións sanitarias, políticas e docentes; a formación continuada dos mesmos; o desenvolvemento da investigación no ámbito da saúde e a promoción da mellora da saúde dos cidadáns.

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria ten como finalidades xerais:

1.Promocionar e fomentar o progreso da Medicina Familiar e Comunitaria como especialidade médica e como disciplina académica.

2.Desenvolver e divulgar o perfil profesional do médico de familia, os seus valores, os seus principios e competencias.

3.Mellorar a calidade da Atención Primaria e de todos os ámbitos profesionais da Medicina Familiar e Comunitaria, dando resposta ás necesidades de saúde dos cidadáns,e con este obxectivo traballar para constituirse nun referente social nestes ámbitos.

4.Promocionar a Atención Primaria de Saúde como nivel asistencial que regule, coordine e cohesione o sistema sanitario na comunidade autónoma de Galicia.

5.Fomentar a interacción entre os médicos de familia e outros especialistas con todos os sectores da sociedade con que estes poidan estar relacionados, así como promover actividades de aplicación comunitaria destinadas a mellorar a saúde dos cidadáns.

6.Representar e defender os intereses dos seus membros no marco das Leis e ante os organismos das Administracións Públicas, Sanitarias e Docentes, e ante outros órganos ou entidades, nacionais e internacionais, públicos ou privados.

7.Servir de órgano informativo respecto das funcións e fins da especialidade; colaborar con entidades públicas ou privadas mediante a elaboración de estudos, informes, propostas ou similares.

8.Procurar a resolución de conflitos entre os seus membros por aspectos relacionados coa disciplina, e defender os intereses dos seus membros en situacións relacionadas coa mesma.

Artigo 7. Actividades sociais

Para o cumprimento dos seus fins a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria organizará e realizará todas aquelas actividades e funcións que estime precisas e oportunas, entre elas:

-Organizará, realizará e celebrará actos e actividades de carácter profesional, de investigación, formativos, culturais ou asistenciais, de forma individual ou en colaboración coas administracións ou organizacións públicas ou privadas.

-Organizará un Congreso, coa periodicidade que estabeleza a Asemblea Xeral, e calquera outra actividade de carácter científico-médico, científico-cultural, docente e de perfeccionamento, tales como congresos, sesións, reunións, debates, foros, simposios, cursos e outras manifestacións similares.

-Promoverá a docencia e a investigación en Medicina Familiar e Comunitaria, mediante a concesión, no seu caso, de premios, becas e axudas á docencia e investigación científicas.

-Editará, publicará, producirá e/ou distribuirá publicacións, revistas, libros, informes e outros documentos relacionados coa Medicina Familiar e Comunitaria e coa Atención Primaria, en calquer medio ou soporte; encargará, redactará e divulgará informes, guías e recomendacións no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria e da Atención Primaria.

-Representará aos profesionais en foros, reunións e actos similares, de ámbito autonómico, estatal ou internacional.

-Homologará e acreditará servizos e actividades de formación realizados por profesionais, encamiñados ao mantemento e perfeccionamento dos coñecementos que se encontran recollidos na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e no ámbito da Atención Primaria.

-Realizará calquera outra actividade que os órganos de dirección e de representación acorden realizar en cumprimento dos fins estabelecidos no artigo 6 dos presentes Estatutos.

Estas actividades e funcións serán levadas a cabo pola Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria directamente ou en colaboración con outras sociedades que persigan os mesmos obxectivos.

Artigo 8. Interpretación dos Estatutos

A Xunta Directiva será o órgano competente para interpretar os preceptos contidos nos presentes Estatutos, sempre con total submisión á normativa legal vixente en materia de asociacións.

Artigo 9. Modificación dos Estatutos

1.A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá modificar total ou parcialmente os seus Estatutos, mediante acordo adoptado pola Asemblea Xeral Extraordinaria convocada específicamente con este obxecto.

A Asemblea Xeral quedará válidamente constituída de conformidade ao quorum estabelecido no artigo 24 destes Estatutos, sendo necesario para a aprobación da modificación o voto favorábel da maioría cualificada dos votos que correspondan aos membros presentes.

2.A Xunta Directiva aprobará o procedemento para o debate das enmendas na Asemblea Xeral Extraordinaria, que dará a coñecer aos membros da Asociación con suficiente antelación.

TÍTULO II: DOS MEMBROS E DAS ENTIDADES COLABORADORAS. DOS SEUS DEREITOS E OBRIGAS. DO RÉXIME DISCIPLINARIO
TÍTULO II:

DOS MEMBROS E DAS ENTIDADES COLABORADORAS. DOS SEUS DEREITOS E OBRIGAS. DO RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 10. Dos Membros

Os asociados denomínanse Membros da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e a súa condición é persoal e intransferíbel.

Poderán formar parte da Asociación en calidade de Socio todas as persoas físicas, maiores de 18 anos, con plena capacidade de obrar, que cumpran as condicións estabelecidas nos presentes Estatutos e nas leis, teñan interese en servir ás finalidades sociais e sexan admitidos pola Asociación; e en calidade de Membro de Honra e Membro Non Numerario, as persoas físicas e xurídicas, con plena capacidade de obrar ou após o acordo do órgano competente da persona xurídica, que cumpran os requisitos estabelecidos nas letras b) e c) do artigo 11.

Artigo 11. Clases de Membros

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria terá os seguintes tipos de membros:

a) Socio: Poderán ser socios da AGAMFEC:

1. Os especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria.

2. Os licenciados e/ou doutores en Medicina que desenvolvan a súa actividade profesional en Atención Primaria e/ou desenvolvan a súa actividade no ámbito das competencias da Medicina Familiar e Comunitaria e Atención Primaria.

3. Os médicos que cursan o Programa Nacional de dita especialidade

b) Membro de Honra: Poderán ser Membros de Honra aquelas persoas físicas ou xurídicas de especial relevancia, con destacada contribución á Asociación, á consecución dos obxectivos ou fins que persegue ou cunha función e prestixio no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria e da Atención Primaria, que os faga merecedores de dita condición. Os Membros de Honra non pagarán cotas á Asociación.

c) Membro Non Numerario: Poderán ser membros non numerarios os profesionais sanitarios que desenvolven a súa actividade no ámbito da Medicina de Familia e que comportan os fins da organización. Igualmente poderán selo os médicos de familia que exerzan a súa profesión fóra do Estado Español.

Artigo 12. Adquisición da condición de socio

1. Para o ingreso como socio da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria será preciso seguir os trámites de admisión que se estabelecen:

a) Presentación dun escrito de solicitude.

b) Aceptación do ingreso por parte de Xunta Directiva da Asociación.

c) Pago da cota anual acordada e da correspondente cota de ingreso, se fose estabelecida.

2. Ningún socio pode pertenecer a máis dunha sociedade federada na semFYC (Sociedad Española de Medicina de Familia y Comunitaria).

Artigo 13. Perda de condición de socio

1. A perda da condición de socio poderá producirse por calquera das seguintes causas:

a) Renuncia voluntaria do socio.

b) Defunción do socio.

c) Incumprimento sobrevido dos requisitos esixidos.

d) Incumprimento reiterado por parte do socio dalgún dos deberes e obrigas que a Lei e os presentes Estatutos lle impoñen.

e) Incumprimento dos acordos adoptados polos órganos directivos da Asociación.

f) Falta de pago das cotas periódicas e extraordinarias nun prazo superior a un ano.

g) Realización de actos, actividades e manifestacións contrarias e incompatíbeis cos fins sociais, que fagan indigno ao socio de tal condición e que supoñan un desprestixio para a Asociación.

h) Calquera outra causa estabelecida nos Estatutos da Asociación.

2. Todos os socios teñen dereito a se dar de baixa voluntariamente da Asociación en calquera momento e por calquera causa ou motivo. A solicitude de baixa voluntaria deberá realizarse mediante escrito dirixido ao Presidente da Asociación. Será efectiva no momento en que sexa comunicada na Xunta Directiva da Asociación, comunicación que deberá efectuarse na primeira reunión que se convoque e celebre despois de recibida a solicitude.

A solicitude de baixa voluntaria non eximirá da obriga de satisfacer todas as obrigas económicas que teña pendentes coa Asociación.

3. A perda da condición de socio como consecuencia da resolución recaída nun expediente sancionador deberá vir precedida pola tramitación do oportuno expediente no que se garanta o seu dereito a ser informado dos actos que se lle imputan e a sanción que se propón; a efectuar prego de descargo e proposición de probas; e a recurrir en alzada ante a Asemblea Xeral.

4. A perda da condición de socio conleva a de todos os dereitos inherentes á mesma.

Artigo 14. Readmisión de socios

O socio que teña causado baixa na Asociación, de forma voluntaria ou forzosa, e desexe reingresar na mesma, deberá cumplir de novo todos e cantos requisitos se fixan nos presentes Estatutos, efectuando os trámites de admisión segundo o procedemento estabelecido.

No caso de que a baixa fose acordada por causa do impago de cotas, derramas, subscripcións ou outras obrigas económicas, para ser admitido de novo deberá satisfacer o importe das obrigas económicas non satisfeitas e que foron motivo da súa exclusión.

Artigo 15. Da adquisición e perda da condición de Membro de Honra e Membro Non Numerario

A adquisición da condición de Membro de Honra require unha proposta formulada por calquera membro ante a Xunta Directiva da Asociación. O recoñecemento de tal distinción require ser aprobado pola Xunta Directiva e ratificado pola Asemblea Xeral. Asimesmo, se houbese motivos graves para tal decisión, a perda da condición de Membro de Honra require ser aprobada pola Xunta Directiva e ratificada pola Asemblea Xeral.

A adquisición da condición de Membro Non Numerario e a perda de tal condición realizarase segundo o estabelecido nos artigos 12 e 13 para o caso dos socios.

CAPITULO SEGUNDO: DOS DEREITOS E DEBERES DOS MEMBROS E DO RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 16. Dereito dos Membros

1.Todos os membros da Asociación gozarán, en réxime de plena igualdade e liberdade, dos seguintes dereitos:

a) Dispor de información e participar en todas as actividades e actos da Asociación, tanto científicos como administrativos.

b) Dispor de información relativa aos acordos dos órganos de goberno da Asociación; dispor de información sobre o estado de contas.

c) Asistir con voz e voto, cando así proceda, á Asemblea Xeral.

d) Elixir e ser elixíbel, cando for procedente, para os órganos de goberno.

e) Ser ouvido con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias, ser informado dos feitos que dean lugar a tales medidas e esixir que a resolución que recaia sexa motivada.

f) Impugnar os acordos de calquera dos órganos de goberno da Asociación que estime contrarios á lei e aos presentes Estatutos.

g) Darse de baixa voluntariamente na Asociación.

h) Facer suxerencias á Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.

2.Os Membros de Honra e os Non Numerarios non gozarán de dereito a voto nas Asembleas Xerais da Asociación e non poderán formar parte dos órganos de goberno, dirección e representación da mesma.

Artigo 17. Dos deberes dos Membros

1. Serán deberes dos membros da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria os seguintes:

a) Comprometerse e contribuir ao cumprimento das finalidades sociais da Asociación e ao desenvolvemento das súas actividades.

b) Contribuir ao sostemento da asociación co pago das cotas, derramas e outras aportacións económicas que, de conformidade cos presentes Estatutos, acorden os órganos de goberno e representación.

c) Respetar e cumprir os presentes Estatutos e os Regulamentos Internos que aprobe a Asociación.

d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da Asociación.

e) Desenvolver coa fidelidade, celo e dilixencia necesarios as obrigas inherentes ao cargo para o que teña sido elixido.

f) Respectar a libre manifestación doutros membros da Asociación, non perturbar as actividades da entidade nin o cumprimento dos fins sociais e contribuir ao prestixio da Asociación.

2. Os Membros de Honra e Non Numerarios terán os mesmos deberes que os restantes membros da Asociación, agás o estabelecido na letra e).

Artigo 18. Réxime disciplinario

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria pode sancionar, por medio dos seus órganos de goberno, as infraccións cometidas polos membros que incumpran os deberes e obrigas que conteñen os presentes Estatutos e os Regulamentos de Réxime Interno da Asociación.

Ditas infraccións poderán ser cualificadas de leves, graves e moi graves, e as sancións correspondentes poderán ir desde a simple amonestación até a expulsión ou separación do membro.

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria regulará, mediante un Regulamento de Réxime Interno, o réxime de infraccións e medidas disciplinarias, así como o procedemento para a adopción dos acordos sancionadores.

CAPITULO TERCEIRO: DAS ENTIDADES OU MEMBROS COLABORADORES

Artigo 19. Das entidades ou membros colaboradores

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá inscribir no seu seo a persoas físicas e entidades xurídicas que, sen reunir as condicións e requisitos para ser membros, desexan voluntariamente estar vinculadas á entidade mediante a aportación de recursos económicos, periódicos ou puntuais, e subscriban coa Asociación o correspondente Convenio de Colaboración.

Ditas persoas ou entidades, que non terán en ningún caso a condición de membros, recibirán a denominación de Entidades ou Membros Colaboradores, podendo facer uso de dita denominación mediante lenda ou reseña. Terán os dereitos e vantaxes que determinen os órganos de dirección e representación da Asociación, os cales constarán no correspondente Convenio de Colaboración.

Será de aplicación aos membros colaboradores o réxime disciplinario estabelecido no artigo 18 dos presentes Estatutos.

TITULO III: DAS GARANTÍAS DE FUNCIONAMENTO DEMOCRÁTICO DA ASOCIACIÓN
TITULO III: DAS GARANTÍAS DE FUNCIONAMENTO DEMOCRÁTICO DA ASOCIACIÓN

Artigo 20. Garantías de funcionamento democrático

1. A organización interna e o funcionamento da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria serán democráticos e con pleno respecto ao pluralismo, tal como estabelece o apartado 5 do artigo 2 da vixente Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo reguladora do Dereito de Asociación, e levaranse a cabo dentro do marco da Constitución, da mencionada Lei Orgánica e do resto do ordenamento xurídico.

2. O funcionamento democrático concretarase no sufraxio universal e libre, e o principio de maioría para a adopción dos acordos que deban ser adoptados por Asemblea Xeral. Para as votacións dos acordos que sexan competencia da Asemblea Xeral serán convocados todos os socios seguindo os prazos que estabelecen os presentes Estatutos.

TITULO IV: DA ADMINISTRACIÓN DA ASOCIACIÓN E DOS ÓRGANOS DE GOBERNO. ADMINISTRACIÓN E REPRESENTACIÓN DA ASOCIACIÓN. ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN
TITULO IV: DA ADMINISTRACIÓN DA ASOCIACIÓN E DOS ÓRGANOS DE GOBERNO. ADMINISTRACIÓN E REPRESENTACIÓN DA ASOCIACIÓN. ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN

Artigo 21. Órganos de Goberno

Os órganos de goberno e administración da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria son a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e a Xunta Permanente.

CAPÍTULO PRIMEIRO. DA ASAMBLEA XERAL

Artigo 22. Concepto

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno e participación da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria. Está integrada por todos os membros e os seus acordos serán adoptados democraticamente.

Os membros da Asociación poderán asistir con voz e voto, salvo no caso dos Membros de Honra e os Non Numerarios, ás sesións da Asemblea Xeral, sempre que estean ao corrente no pago das súas cotas e non se atopen sometidos a algún tipo de sanción.

Artigo 23. Convocatoria

1. A Asemblea Xeral poderá ser convocada en sesións Ordinarias e Extraordinarias.

2. A Asemblea Xeral Ordinaria será convocada polo Presidente por mandato da Xunta Directiva necesariamente unha vez ao ano.

3. A Asemblea Xeral Extraordinaria será convocada pola Xunta Directiva cantas veces o estime necesario. En todo caso, a Xunta Directiva está obrigada a convocar a Asemblea Xeral Extraordinaria cando o solicite un número igual ou superior ao 25% do total dos membros da Asociación.

Dita solicitude realizarase por escrito dirixido ao Presidente e estará asinada por todos os solicitantes con indicación do seu nome, apelidos e DNI. En dito escrito deberá facerse constar o obxecto ou obxectos da convocatoria, que constituirán a orde do día sen que o contido desta poida ser reducido pola Xunta Directiva, ainda que si ampliado. Dita Asemblea deberá realizarse dentro do prazo de dous meses a contar desde a presentación da solicitude.

4. A convocatoria, tanto de sesións ordinarias como extraordinarias, será efectuada pola Xunta Directiva con, polo menos, quince días de antelación á sua celebración, mediante a súa publicación na páxina web da Asociación, e mediante excrito dirixido á totalidade dos membros.

Na convocatoria deberá expresarse o lugar, data, hora de convocatoria e orde do día dos asuntos a tratar.

5. Unha vez convocada a asemblea non poderá modificarse o contido da orde do día, excepto se concurren á mesma a todalidade dos membros con dereito a voto e aceptan dita modificación por unanimidade.

Artigo 24. Constitución da Asamblea Xeral

1. A Asemblea Xeral, en sesións tanto ordinarias como extraordinarias, quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concurran a ela a maioría simple dos membros con dereito a voto. En segunda convocatoria, que se celebrará como mínimo media hora máis tarde da primeira, quedará validamente constituída a Asemblea sexa cal for o número de membros asistentes con dereito a voto.

2. Malia o disposto no apartado anterior, para que a Asemblea Xeral poida adoptar validamente acordos relativos ás materias estabelecidas no artigo 27 número 2 destes Estatutos, será necesario que concurran á mesma, tanto en primeira como en segunda convocatoria, cando menos un número igual ou superior ao 20% do total de membros con dereito a voto.

3. A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente nos primeiros meses do ano.

Artigo 25. Celebración da Asamblea Xeral

1. A presidencia da Asemblea Xeral corresponderá ao Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e o Secretario da Xunta Directiva actuará como secretario da Asemblea. O primeiro dirixirá os debates da Asemblea e asegurará o cumprimento da orde do día e o segundo redactará e asinará a correspondente acta coa conformidade do Presidente. O Presidente e o Secretario, xunto co resto da Xunta Permanente, formarán a Mesa da Asemblea Xeral.

2. As reunións da Asemblea Xeral darán comezo coa lectura polo Secretario da acta da reunión anterior. Posteriormente tomará a palabra o Presidente que someterá dita acta á aprobación da Asemblea. Seguidamente o Presidente exporá e desenvolverá o resto dos puntos da orde do día, someténdoos despois á consideración e voto da Asemblea.

3. A celebración dunha Asemblea Xeral non poderá interromperse mentres non se teña rematado o tratamento dos puntos da orde do día. Só poderá acordarse a suspensión por circunstancias excepcionais. Dita suspensión terá que ser aprobada por dous tercios dos membros presentes con dereito a voto. A sesión terá que se reiniciar no prazo de 24 horas, sen necesidade de nova convocatoria.

Artigo 26. Dereito a voto nas Asambleas Xerais

1. Na Asemblea Xeral poderán concorrer con dereito a voto todos os socios da Asociación que estean ó corrente no pago das súas cotas e que non se atopen sometidos a ningún tipo de sanción.

2. Admitirase a delegación de voto, segundo a normativa que se estabeleza ao respecto. Cada socio presente na Asemblea non poderá aportar, aparte do seu propio, máis de cinco votos delegados.

Artigo 27. Acordos

1. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos membros asistentes con dereito a voto, o que sucederá cando os votos afirmativos superen os votos negativos.

2. Será precisa unha maioría cualificada dos votos en asemblea constituída, co quorum estabelecido no artigo 24.2 destes Estatutos, para a adopción dos acordos que se sinalan a continuación:

a) Acordos relativos á disposición e enaxenación de bens inmóbeis e de calquer ben da Asociación que teña un valor superior ao vinte por cento do fondo social.

b) Adquisición de bens que teñan un importe superior ao vinte por cento do fondo social da Asociación

c) Constitución dunha confederación de asociacións, ou a integración a unións, federacións e confederacións xa constituídas.

d) Participación en sociedades mercantís.

e) Modificación dos estatutos.

f) Disolución da asociación.

g) Cesamento disciplinario de membros.

h) Cesamento da Xunta Permanente, da Xunta Directiva ou dalgún membro das mesmas.

3. As actas das sesións de Xunta Xeral reflexarán os acordos adoptados, as diversas opinións expresadas polos membros e, no seu caso, o resultado numérico da votación. Os acordos adoptados terán carácter executivo desde a súa adopción, con independencia de que a acta correspondente teña sido ou non aprobada.

4. As certificacións das actas serán expedidas e os acordos elevaranse a público, no seu caso, polo Secretario da Xunta Directiva e, en ausencia de este, por calquera outro membro de dita Xunta.

Artigo 28. Competencias da Asamblea Xeral

1. A Asemblea Xeral Ordinaria ten as seguintes competencias:

a) Lectura e aprobación da acta da Asemblea anterior.

b) Exame e aprobación das contas do exercicio económico anterior.

c) Exame e aprobación da xestión da Xunta Directiva.

d) Exame e aprobación dos obxectivos e liñas estratéxicas, e do plan de actividades propostas pola Xunta Directiva.

e) Exame e aprobación do Orzamento do exercicio seguinte.

f) Exame e aprobación das cotas que deban satisfacer os socios e os Membros Non Numerarios da Asociación.

2. Son competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria as seguintes:

a) Modificación dos Estatutos.

b) Disolución da Asociación

c) Constitución de fundacións, fusión con outras entidades similares e análogas; constitución de federacións, confederacións, coordinadoras ou similares; incorporación a unións xa constituídas ou a separación de elas.

d) Modificación dos signos distintivos da Asociación.

e) Solicitude da declaración de utilidade pública.

f) Aprobación da enaxenación de bens inmóbeis, calquera que for o seu valor, e de calquera van da Asociación con valor superior ao vinte por cento do fondo social.

g) Adquisición de bens cun valor superior ao vinte por cento do fondo social da Asociación.

h) Elección dos integrantes da Xunta Directiva.

i) Nomeamento de representantes.

j) Aprobación dos Regulamentos de Réxime Interno e Réxime electoral e Consultas, no seu caso.

3. A relación de competencias contida no presente artigo ten carácter enunciativo e non limita as atribucións da Asemblea Xeral, as cales se extenden a todos aqueles aspectos que veñan relacionados coa condición de órgano supremo da Asociación.

CAPITULO SEGUNDO. DA XUNTA DIRECTIVA

Artigo 29. Concepto

A Xunta Directiva da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria é o órgano de goberno da Asociación. A este efecto é quen goberna, xestiona, administra e representa os intereses da mesma de acordo coas disposicións e directrices da Asemblea Xeral.

Artigo 30. Duración do cargo

Os membros electos da Xunta Directiva exercen o seu cargo durante o período de tres anos a contar desde a data de toma de posesión do mesmo. Os mesmos poderán ser reelexidos un máximo de tres veces consecutivas para os correspondentes períodos trienais.

Artigo 31. Composición

1. A Xunta Directiva da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria estará composta por:

a) Presidente

b) Dous Vicepresidentes

c) Secretario

d) Tesoureiro

e) Vogais, seis como mínimo.

2. O Presidente, Vicepresidentes, Secretario, Tesoureiro e dous vogais formarán a Xunta Permanente da Asociación.

3. Os compoñentes da Xunta Directiva deben ser sociosda Asociación, maiores de idade, cun mínimo dun ano de antigüidade, estar en pleno uso dos dereitos civís, estar ao corrente no pago das cotas e non ter incorrido en ningún dos motivos de incompatibilidade estabelecidos na lexislación vixente.

3. Non poderán ser membros da Xunta Directiva aqueles que teñan sido sancionados por comisión de faltas graves ou moi graves até que se atopen rehabilitados.

4. Os cargos da Xunta Directiva serán non remunerados, sen prexuízo da posibilidade ou dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados que o desempeño das suas funcións lles ocasione.

Artigo 32. Eleccións dos membros da Xunta Directiva

1. Os membros da Xunta Directiva deberán ser elixidos en Asemblea Xeral, en sesión Extraordinaria convocada ó efecto cunha antelación mínima de quince días antes da data da sua celebración.

2. A elección farase sobre candidaturas unitarias que conteñan todos os membros a elixir e coa distribución de cargos entre eles. As candidaturas deberán ser presentadas na Secretaría da Asociación, suscritas e asinadas polos membros candidatos, cun mínimo de unha hora antes da celebración da Asemblea. No proceso formarase unha mesa electoral composta por un Secretario e dous vocais da Xunta Directiva. Por maioría simple resultará electa aquela candidatura que obteña maior número de votos ao seu favor.

Artigo 33. Vogais

1. Formarán parte da Xunta Directiva un mínimo de sete vogais. A asignación de tarefas a cada unha das vocalías realizarase por acordo dos membros electos da Xunta Directiva na primeira reunión que se celebre despois da súa elección. Obrigatoriamente deberá formar parte da Xunta Directiva un Vocal de Residentes, que será designado a proposta dos residentes da especialidade na Comunidade Autónoma que sexan socios da Asociación, segundo a normativa que se estabeleza ao respecto.

Artigo 34. Aceptación e toma de posesión do cargo

1. Os membros electos da Xunta Directiva tomarán posesión dos seus cargos na mesma Asemblea Xeral na que resulten elixidos. O nomeamento dos cargos electos deberá ser certificado polo Secretario saínte co Visto e Prace do Presidente saínte.

Artigo 35. Cesamento dos membros da Xunta Directiva

1. O cesamento dos cargos antes de se extinguir o prazo regulamentario do seu mandato pode producirse por:

1) Demisión voluntaria presentada á Xunta Directiva mediante petición escrita motivada.

2) Enfermidade que incapacite para exercer o cargo ou defunción.

3) Baixa como membro da Asociación, ben sexa voluntaria ou forzosa.

4) Sanción por falta cometida no exercicio do cargo, imposta de acordo co estabelecido no artigo 18 dos presentes Estatutos e do Regulamento de Réxime Interno que no seu caso se aprobe.

5) Acordo da Xunta Directiva, adoptado por maioría de dous tercios dos votos, ou por acordo da Asemblea Xeral adoptado por maioría cualificada.

2. As vacantes serán cubertas pola propia Xunta Directiva, pero o nomeamento deberá ser ratificado pola primeira Asemblea Xeral que se celebre. Dito acordo terá vixencia e o novo membro nomeado desempeñará o seu cargo até a celebración das seguintes eleccións.

Artigo 36. Competencias da Xunta Directiva

A Xunta Directiva ostenta a representación e administración da Asociación. Son funcións da Xunta Directiva:

a) Decidir sobre as liñas estratéxicas no marco das Finalidades expresadas no Artigo 6 dos presentes Estatutos.

b) Dirixir a administración da Asociación.

c) Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento do exercicio, así como os balances e as contas do exercicio pechado.

d) Elaborar o plan de actividades, memoria de actividades e memoria económica para a sua elevación á Asemblea Xeral Ordinaria; levar o estado de contas e os libros de contabilidade.

e) Garantir a obtención de recursos precisos para o funcionamento dos órganos e a realización de actividades definidos nos presentes estatutos.

f) Administrar o patrimonio e os recursos económicos da Asociación.

g) Custodiar e cubrir os libros e documentos contábeis e de rexistro da Asociación.

h) Resolver sobre a admisión de novos membros e acordar a baixa dos mesmos á que fai referencia o artigo 13 dos presentes Estatutos, coa tramitación, no seu caso, do previo e preceptivo expediente.

i) Adoptar as sancións a que fai referencia o artigo 18.

j) Propor a celebración de Congresos da Asociación, intervindo na sua organización administrativa, técnica e científica.

k) Designar Comités, Ponencias, Comisións, Grupos de Estudio e de Investigación.

l) Nomear os responsábeis das publicacións oficiais, da páxina web e de calquera outro órgano ou medio de expresión da Asociación.

m) Propor logotipos, emblemas oficiais e signos distintivos da Asociación.

n) Elevar ás Autoridades públicas as observacións e resultados dos estudos e investigacións efectuados.

o) Manter contactos con Sociedades e outras entidades estranxeiras de natureza semellante.

p) Garantir aos membros da Asociación información procedente dos órganos de goberno e participación a través de calquer medio escrito ou electrónico.

q) Manter actualizado o rexistro de socios e membros e o carácter confidencial dos datos incorporados.

r) Cumprir e facer cumprir os presentes Estatutos e os Regulamentos de Réxime Interno, no seu caso.

s) Realizar calquera función que estabeleza a Asemblea Xeral.

t) Cumprimentar todas as obrigas que estabelece a Lei Orgánica 1/2002 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.

u) Realizar calquera outra función que non sexa competencia da Asemblea Xeral.

v) Propor á Asemblea Xeral a modificación das cotas dos socios e membros non numerarios.

Artigo 37. Reunións da Xunta Directiva

1. A Xunta Directiva será convocada polo Presidente ou Vicepresidentes, no seu caso, cantas veces o estime adecuado ou ben a instancia de tres dos seus membros. A convocatoria realizarase cunha antelación mínima de sete días naturais á data da reunión, mediante convocatoria escrita na que conste o Orde do Día.

2. A Xunta Directiva deberá reunirse como mínimo unha vez ao trimestre.

3. Para que a Xunta Directiva se encontre validamente constituída será necesario que asistan á reunión polo menos o cincuenta por cento dos seus membros.

4. As decisións adoptaranse por maioría simple, dispondo o Presidente de voto de calidade no caso de empate. Non se admite a delegación de voto.

5. O secretario levantará acta de todas as reunións

CAPITULO TERCEIRO. DA XUNTA PERMANENTE

Artigo 38. Da Xunta Permanente

A Xunta Permanente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria estará formada por sete membros, todos eles membros electos da Xunta Directiva:

1. Presidente

2. Vicepresidentes

3. Secretario

4. Tesoureiro

5. Dous vogais, elexidos de entre os seus propios vogais, pola Xunta Directiva

As funcións da Xunta Permanente serán:

a. Elaborar o proxecto de obxectivos e liñas estratéxicas da organización para a súa presentación á Xunta Directiva.

b. Facilitar a realización das actuacións aprobadas pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva.

c. Representar a Asociación ante as organizacións de carácter público e/ou privado, así como ante as administracións públicas.

d. Asumir a xestión cotián das actividades da Asociación.

e. Ocuparse das convocatorias da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.

f. Supervisar o funcionamento da estrutura administrativa da Asociación.

g. Impulsar e realizar o seguimento dos Grupos de Traballo da Asociación.

h. Cumplir e facer cumprir os presentes Estatutos, así como os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.

Artigo 39. Do Presidente

O Presidente da Xunta Directiva recibirá a denominación de Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e ostentará a representación legal da mesma. Dita función será asumida polo Vicepresidente primeiro e, no seu defecto, polo segundo, en caso de enfermidade, ausencia ou vacante do Presidente.

Son faculdades do Presidente:

a. A representación da Asociación.

b. Realizar e dirixir as actividades da Asociación precisas para o desenvolvemento dos seus fins.

c. Presidir a Asemblea Xeral, Xunta Directiva e Xunta Permanente, abrindo e dirixindo os debates e a orde das reunións, verificando os escrutinios que se leven a cabo e erguer as sesións.

d. Convocar as reunións dos órganos de goberno, fixando a orde do día.

e. Asinar as actas das reunións que celebren os órganos de goberno da Asociación, os pagos e demais documentos da Asociación.

f. Adoptar as iniciativas necesarias para o desenvolvemento dos obxectivos da Asociación dentro das directrices xerais da mesma.

g. Render informe da súa actuación anualmente diante da Asemblea Xeral.

h. Ordenar os pagos.

Artigo 40. Dos Vicepresidentes

Serán funcións dos Vicepresidentes:

a. Colaborar co Presidente no exercicio das súas tarefas.

b. Asumir as funcións e representacións que sexan delegadas polo Presidente

c. Asumir as funcións do Presidente no caso de ausencia, doenza ou vacantedo mesmo.

Artigo 41. Do Secretario

Corresponde particularmente ó Secretario

a. Recibir e tramitar solicitudes de ingreso e baixa de membros da Asociación.

b. Manter actualizado o ficheiro ou base de datos dos socios e membros da Asociación.

c. Levantar e asinar, co visto e prace do Presidente, as actas das reunións dos órganos colexiados da Asociación, e certificar a adopción dos acordos por parte dos mesmos. En caso preciso poderá ser substituído nesta función por outro membro da Xunta Permanente.

d. Custodiar as actas e expedir certificación das mesmas co visto e prace do Presidente.

e. Notificar as convocatorias.

f. Facilitar a documentación precisa para a realización das actividades da Asociación, e realizar todas as tarefas de administración que a Xunta Directiva lle asigne ou o Presidente lle encargue ou delegue.

Artigo 42. Do Tesoureiro

O Tesoureiro dirixirá a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e gastos sociais, e intervirá en todas as operacións de orde económica. O tesoureiro recaudará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pago que expida o Presidente.

O Tesoureiro redactará e formalizará o orzamento anual de ingresos e gastos, segundo o criterio que a Xunta Directiva acorde, e elaborará o estado de contas anual, os cales, autorizados pola Xunta Directiva, serán sometidos á aprobación da Asemblea Xeral.

O Tesoureiro será substituído en caso de ausencia, enfermidade, demisión ou cesamento por calquera outro membro da Xunta Permanente, nomeado e designado pola mesma. Esta substitución deberá ser ratificada na primeira reunión de Xunta Directiva que se celebre.

Artigo 43. Administración interna

1. En auxilio das suas funcións, a Xunta Directiva e a Xunta Permanente poderán contratar o persoal administrativo remunerado que estimen conveniente e oportuno.

2. A Xunta Directiva e a Xunta Permanente poderán encargar a profesionais externos a prestación dos servizos de carácter profesional que estimen necesarios para a boa organización, xestión e goberno da Asociación.

CAPÍTULO CUARTO. ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN. CONSELLO ASESOR

Artigo 44. Seccións e Grupos de Traballo

A Xunta Directiva poderá crear Seccións para o desenvolvemento específico dos fins propios da Asociación. As tarefas destas Seccións serán asumidas polos vogais da Xunta Directiva. Contémplanse as Seccións de: Docencia, Investigación, Comunicación e Prensa, Relacións coa semFYC, PAPPS e Grupos de Traballo. Poderanse crear estas Seccións e todas aquelas que se estimen necesarias para o desenvolvemento dos fins da Asociación.

A Xunta Directiva poderá crear Grupos de Traballo destinados a realizar actividades de formación, investigación e asesoramento nas diferentes áreas de interese no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria. Os Grupos de Traballo regularanse mediante unha Normativa de Funcionamento dos Grupos de Traballo que será aprobada pola Xunta Directiva. A Xunta Directiva nomeará entre os seus vogais un Coordinador de Grupos de Traballo. Todos os responsábeis dos Grupos de Traballo serán nomeados pola Xunta Directiva.

Artigo 45. Consello Asesor

A Asociación poderá constituir un Consello Asesor e os membros do mesmo serán nomeados pola Xunta Directiva, que asignará a dito Consello as atribucións e competencias que en cada momento estime oportunas. Os membros do Consello Asesor poderán ser cesados no seu cargo pola Xunta Directiva. O nomeamemto como membro do Consello Asesor realizarase para un período de tres anos, renovábel se así o considera a Xunta Directiva.

TÍTULO V: DA FEDERACIÓN
TÍTULO V: DA FEDERACIÓN

Artigo 46. Federación

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria está integrada na “Sociedad Española de Medicina de Familia y Comunitaria” (semFYC) xunto con outras sociedades autonómicas con personalidade xurídica propia e diferenciada, constituindo unha federación. As distintas sociedades ou asociacións federadas son autónomas entre si.

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, como Sociedade Federada integrada na semFYC asume os dereitos e obrigas que como tal lle corresponden.

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá decidir libremente separarse da federación, mediante o correspondente acordo adoptado en Asemblea Xeral.

TÍTULO VI: REXISTROS DOCUMENTAIS E CONTÁBEIS
TÍTULO VI: REXISTROS DOCUMENTAIS E CONTÁBEIS

Artigo 47. Libros – rexistros

1. Como garantía da efectividades dos dereitos dos seus membros e das terceiras persoas ou entidades que estabelezan relación coa Asociación, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria disporá necesariamente dos seguintes libros-rexistro:

a) Un rexistro actualizado dos seus socios.

b) Os rexistros contábeis esixidos pola Lei que permitan obter a imaxe fiel do seu patrimonio, do resultado económico obtido e da situación financeira da entidade, así como das actividades desenvolvidas.

c) Un libro de rexistro das actas das reunións da Xunta Directiva, da Xunta Permanente e da Asemblea Xeral.

d) Un libro de inventario de bens.

2. Os membros poderán acceder á documentación que se relaciona no apartado anterior a través de solicitude efectuada por escrito á Xunta Directiva, nos termos previstos na Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal.

TÍTULO VII: RÉXIME ECONÓMICO, PATRIMONIO E RECURSOS DA ASOCIACIÓN
TÍTULO VII: RÉXIME ECONÓMICO, PATRIMONIO E RECURSOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 48. Patrimonio fundacional

O patrimonio fundacional da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria foi, no momento da súa constitución, o correspondente ás cotas de entrada dos membros fundadores.

Artigo 49. Recursos económicos

Os recursos económicos previstos para a realización das actividades da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, encamiñadas ao cumprimento dos seus fins, serán os seguintes:

As cotas ordinarias e extraordinarias, derramas e outras aportacións fixadas conforme aos presentes Estatutos que deban satisfacer os membros da Asociación.

As aportacións ordinarias ou extraordinarias, fixas ou esporádicas, que efectúen as entidades ou membros colaboradores.

As rendas e produtos dos bens e dereitos da Asociación.

As subvencións, axudas, legados, herdanzas e doazóns de persoas físicas ou xurídicas, de organismos públicos ou privados.

Os ingresos que obteña a Asociación mediante as actividades ou a prestación de servizos que acorde realizar a Xunta Directiva.

Os ingresos que poida recibir a Asociación pola realización, por parte de membros da mesma que actúen no seu nome e representación, de actividades lícitas desenvolvidas en cumprimento dos fins que marcan os presentes Estatutos.

Calquer outro recurso lícito.

Artigo 50. Contabilidade e exercicio económico

1. O exercicio económico terá unha duración anual e o seu peche coincidirá co do ano natural.

2. A Xunta Directiva da Asociación formulará, nun prazo máximo de tres meses contados a partir do peche do exercicio, as contas anuais.

3. As contas anuais, que comprenden o balance, a conta de resultados e a memoria, forman unha unidade; deben ser redactadas con claridade e amosar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da Asociación.

4. As contas anuais, formuladas pola Xunta Directiva, serán aprobadas pola Asemblea Xeral Ordinaria, en calquer caso, dentro dos meses seguintes á finalización do exercicio económico.

5. A contabilidade da Asociación axustarase ao disposto no Código de Comercio e as normas de contabilidade das entidades sen fins lucrativos.

6. A Xunta Directiva presentará á Asemblea Xeral Ordinaria para a súa aprobación o orzamento correspondente ao exercicio seguinte, e procederase a aprobar a liquidación do orzamento do exercicio anterior.

TÍTULO VIII: APROBACIÓN DE REGULAMENTOS DE RÉXIME INTERNO. PARTICIPACIÓN EN ENTIDADES
TÍTULO VIII: APROBACIÓN DE REGULAMENTOS DE RÉXIME INTERNO. PARTICIPACIÓN EN ENTIDADES

Artigo 51. Dos Regulamentos de Réxime Interno e outra normativa

Os Regulamentos de Réxime Interno e outra normativa que poida aprobar a Xunta Directiva deben desenvolver as normas e principios contidos nos presentes Estatutos e aqueloutras materias non contempladas directamente non podendo ir, en ningún caso, en contra do estabelecido nos mesmos.

Artigo 52. Participación noutras entidades

1. A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá constituir Fundacións sen fins lucrativos para o mellor desenvolvemento dos seus fins. O padroado de ditas Fundacións estará constituído pola Xunta Permanente, ostentando o cargo de patrón en tanto se ostente o de membro da Xunta Permanente da Asociación. O cargo de patrón será necesariamente gratuito, sen prexuízo da posibilidade de ser reembolsados os gastos debidamente xustificados que o desempeño de ditos cargos ou funcións ocasione.

2. A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá participar, xunto con outras entidades, en fundacións sen fins lucrativos se isto supón un mellor desenvolvemento dos seus fins. No padroado de ditas fundacións estará representada a Xunta Directiva a través dalgún dos seus membros. O cargo de patrono será necesariamente gratuíto, sen prexuízo da posibilidade de ser reembolsados os gastos debidamente xustificados que o desempeño de ditos cargos ou funcións ocasione.

3. A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá constituir ou participar en federacións, confederacións, coordinadoras ou entidades similares, con fins sociais semellantes aos da Asociación.

4. A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá participar, ou ser titular de participacións, en sociedades mercantís, mesmo de forma maioritaria, sempre que a titularidade das mesmas axude ao mellor cumprimento dos seus fins sociais e non supoña vulneración dos principios de actuación mencionados nos presentes Estatutos e na Lei de Asociacións.

TÍTULO IX: DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN
TÍTULO IX: DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN

Artigo 53. Causas de disolución

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá disolverse polas seguintes causas:

a) Sentenza xudicial firme.

b) Acordo da Asemblea Xeral.

c) Imposibilidade sobrevida de conseguir os fins sociais.

d) Por outras causas determinadas legalmente.

No suposto definido no apartado c) a disolución require o acordo adoptado pola Asemblea Xeral. A Xunta Directiva debe convocar a Asemblea Xeral Extraordinaria cando teña coñecemento da existencia da causa especificada. Calquera asociado pode solicitar á Xunta Directiva a convocatoria da Asemblea, se estima que se ten producido dita causa. Se a Asemblea non for convocada, non se celebra ou non se ten adoptado ningún acordo con relación á disolución, calquer asociado poderá solicitar ao xuiz de Primeira Instancia do enderezo social que convoque a Asemblea ou disolva a Asociación.

Artigo 54. Período de liquidación

1. A disolución da Asociación abre o período de liquidación. A entidade conservará a personalidade xurídica até a finalización de dito período.

2. A Asemblea Xeral que acorde a disolución elixirá unha comisión liquidadora composta por cinco dos membros da Xunta Directiva. En caso de renuncia dos membros elixidos, os cargos de liquidador vacante poderán ser cubertos polos demais membros da Xunta Directiva.

3. Exceptúase do estabelecido no punto anterior o suposto de disolución acordada polo Xuiz, no que se estará ao que o mesmo determine verbo dos liquidadores.

4. As normas aplicábeis segundo estes Estatutos para a Xunta Directiva serán tamén aplicábeis á comisión liquidadora.

Artigo 55. Facultades dos liquidadores

Corresponde aos liquidadores:

– Velar pola integridade do patrimonio da Asociación

– Levar a contabilidade da Asociación.

– Concluir as operacións pendentes e efectuar as novas que foren precisas para a liquidación.

– Cobrar os créditos da Asociación.

– Liquidar o patrimonio e pagar aos acredores

– No caso de insolvencia, promover inmediatamente o oportuno procedemento concursal ante o xulgado competente.

– Aplicar os bens sobrantes da Asociación aos fins previstos polos Estatutos.

– Solicitar a cancelación de asentos no Rexistro de Asociacións.

Artigo 56. Aplicación do patrimonio social en caso de disolución

1. Os bens e dereitos resultantes da liquidación, é dicir, o haber resultante unha vez efectuadas as oportunas operacións de liquidación, destinaranse a asociacións, fundacións ou outras institucións sen ánimo de lucro que acorden os liquidadores, as cales deberán perseguir fins análogos aos da Asociación. No caso de que non existan entidades como as descritas, os bens destinaranse a entidades coas mesmas características que persigan fins similares ou compatíbeis cos que persegue a Asociación e sempre e cando os devanditos fins non desvirtúen o carácter non lucrativo da Asociación.

2. No suposto que a Asociación solicitase a súa declaración de Utilidade Pública, e optase para someterse ao réxime fiscal da Lei 49/2002 de 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, as entidades ás que se destine o patrimonio resultante da liquidación deberán ter a consideración de entidades beneficiarias de mecenado ao efectos do previsto no artigo 3.6º da citada Lei.

Para o mesmo suposto, recoñécese expresamente aos liquidadores a faculdade de designar, segundo o estabelecido nos parágrafos precedentes, o destino dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.

(diligencia)

D/DÑA. Ana Castaño, Secretario/a da Asociación AGAMFEC , CERTIFICA: que os presentes Estatutos foron modificados para ser adaptados ao previsto na Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, por acordo da Asemblea Xeral de Asociados convocada ó efecto de data 19/05/04.

En Cambre, a 20 de maio de 2004.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies