dia ictus 2018

Falta de información os pacientes dados de alta por un ictus.

Hoxe 29 de outubro, celébrase o día mundial do Ictus. Segundo un estudo de investigación levado a cabo pola Federación Galega de Dano Cerebral ( FEGADACE) coa colaboración da Sociedade Galega de Neuroloxía e o apoio das fundacións Barrié e Roviralta, Titulado ‘Coñecemento do diagnóstico e recursos das persoas con Dano Cerebral Adquirido; medindo a cobertura das necesidades do colectivo’, o 78% das persoas consultadas manifestaron que o descoñecemento ou falta de información foi o principal obstáculo co que se atoparon para acceder aos medios necesarios no seu proceso de rehabilitación. O 31% sinalan tamén a dificultade dos trámites burocráticos e un 13% as barreiras económicas, constatando a ausencia de coordinación entre os servizos sanitarios e os do ámbito social.

Máis do 85% de persoas dadas de alta tras un ictus comunican, ademais, que non recibiron información ningunha sobre o servizo de Traballo Social do seu concello.

En canto a outros servizos e potenciais necesidades, (asociacións, centros de día, servizos de atención persoal, trámites de acceso a prestacións, produtos de apoio, transporte adaptado…), entre o 78 e o 97% manifestan non recibir información ao respecto.

A investigación confirma a desorientación e falta de información que sofren os pacientes e as súas familias con respecto á súa doenza, consecuencias e perspectivas de recuperación, e que a extensión da atención ao ámbito social, máis aló do clínico, segue sendo unha materia pendente.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.