Día Europeo de la Salud Sexual y Reproductiva

Día Europeo da Saúde Sexual e Reprodutiva

“Ante a ausencia de educación sexual, boa parte dos mozos constrúen o seu imaxinario sexual a través da pornografía”

A Organización Mundial da Saúde (OMS) define a saúde sexual como “un estado de benestar físico, emocional, mental e social relacionado coa sexualidade; a cal non é a ausencia de enfermidade, disfunción o incapacidade. Para que a saúde sexual se poda lograr e se manteña, os dereitos sexuais de todas as persoas deben ser respectados, protexidos e exercidos en plenitude”1. Para lograla, a OMS asegura que “se require un enfoque positivo e respectuoso da sexualidade e das relacións sexuais, así como a posibilidade de ter experiencias sexuais pracenteiras e seguras, libres de toda coacción, discriminación e violencia”.

Celebrar este día obríganos a reflexionar baixo a premisa desta definición e cada sociedade e cada época terán que cuestionar se realmente son exercidos estes dereitos, que levan aos homes e mulleres a gozar dunha sexualidade igualitaria e saudable.

Para manter a saúde sexual e reprodutiva, as persoas precisan ter acceso a información veraz e a un método anticonceptivo da súa elección que sexa seguro, eficaz, alcanzable e aceptable. Deben estar informadas para previr as infeccións de transmisión sexual e embarazos non desexados, debe existir un acceso universal aos programas de saúde e aos servizos adecuados para ter un embarazo e un parto sen risco.

No relacionado coas enfermidades de transmisión sexual, resulta preocupante que, segundo datos da Consellería de Sanidade, algunhas infeccións como clamidiasis, tricomoniasis, condilomas, sífilis o gonococia sufriron incrementos na última década. No caso da última, no 2018 se declararon 307 novos casos, un aumento do 24% respecto a 2017, o que supón a incidencia máis elevada no que vai de século.

As cuestións relativas á saúde e aos dereitos sexuais e reprodutivos non poden separarase das relativas á igualdade de xénero, nin ao feito de que o poder de decidir sobre a nosa saúde, o noso corpo e a nosa vida sexual é un dereito humano fundamental das persoas. Os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres quedan relegados cando non reciben a atención suficiente por parte da medicina e da ciencia. A visión androcéntrica e a desigualdade das mulleres neste campo abarcan situacións como os abortos inseguros, a violencia sexual, a cosificación das mulleres, prácticas como a mutilación xenital feminina e unha longa lista de iniquidades de xénero que neste ámbito afecta tan de preto ás mulleres.

A promoción dunha sexualidade e afectividade saudables, así como a prevención tanto primaria como secundaria das infeccións de transmisión sexual, forma parte das nosas competencias como profesionais da saúde. Sabemos que a saúde sexual vai de man dunha educación afectivo sexual e reprodutiva adecuada, mais esta pode ser a gran materia pendente.

A OMS defende que a educación sexual integral é a mellor maneira de facerlle fronte ás necesidades dos máis novos para a prevención das infeccións de transmisión sexual, pero temos que entender que a educación sexual non se pode centrar só nisto, o na prevención de embarazos non desexados, senón que é a educación dos sexos, homes e mulleres, e das súas relacións, baseadas no respecto, entendemento, confianza e comunicación.

A educación sexual debería comezar a idades moi temperás e abordando os diferentes aspectos englobados nela de maneira paulatina e acorde ao desenvolvemento evolutivo dos nenos e nenas, e ten que entenderse a sexualidade como comunicación humana. Por iso, non só pode atender a aspectos físicos, non se pode quedar só no anatómico, ten que abordar o afectivo, as relacións, o emocional.

Dada a súa ausencia, os menores adiántanse e Internet é a principal fonte de información e boa parte dos mozos constrúen o seu imaxinario sexual a través da pornografía. Esta pornografía trasládalles a un modelo de relación desigual, de dominio masculino e sometemento feminino.

Segundo o estudo ‘Nueva pornografía y cambios en las relaciones interpersonales’, elaborado pola Red Jóvenes e Inclusión Social e a Universitat Illes Baleares, en Galicia a idade media de inicio de consumo de pornografía se sitúa nos 15 anos e, nalgúns casos, o primeiro contacto prodúcese con 8 anos. Isto fai que un de cada cinco mozos consultados en Galicia para elaborar o estudo recoñeceu que ver este tipo de materiais afectou á imaxe que tiña das rapazas e preto dun 23% dixo o mesmo sobre os rapaces.

Por todo isto, é necesaria unha educación sexual integral dende a primeira infancia, que se aborde con perspectiva de xénero, porque coa educación se poderá avanzar para unha igualdade efectiva e real entre os xéneros.

Neste día da Saúde Sexual e Reprodutiva, reforzamos o noso compromiso dunha Atención Primaria que traballa para a saúde en conexión coa comunidade.

Rosana Izquierdo Fernández
Médica de familia. Coordinadora del Grupo de Violencia de Género de AGAMFEC

1.Organización Mundial de la Salud (2006). Defining sexual health: report of a technical consultation on sexual health, 28–31 January 2002, Geneva.World Health Organization, 2006.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies