8 de marzo, día internacional da muller

0 75

Esta publicación tamén está dispoñible en: Español (Castelán)

O 8 de marzo, día internacional da muller, invítanos a reflexionar sobre a necesidade de ofrecer outra mirada na saúde que resulta enriquecedora e complementaria e que contribúe a mellorar o estado de saúde das persoas e os colectivos. Esta mirada é a que nos aporta a perspectiva de xénero incluída no enfoque e estudo de todos os niveis de saúde. Implica recoñecer que existen distincións entre homes e mulleres que transcenden das diferenzas biolóxicas e que son construídas socialmente.

O xénero convértese en desigualdade en saúde cando non recoñecemos estas diferenzas, cando non realizamos un enfoque biopsicosocial no proceso saúde-enfermidade que revele o invisibilizado por un patrón androcéntrico, cando o modelo de referencia é exclusivamente masculino por pertencer ao grupo de poder socialmente mellor situado. Podemos introducir así o término das inequidades en saúde, descritas pola OMS como aquelas desigualdades que son innecesarias, evitables e ademais inxustas e nas que o xénero ten un papel primordial. Os ingresos, exclusión social, a educación, a idade, a orixe étnica, a orientación sexual e o lugar de residencia son importantes determinantes da saúde, que cando se interrelacionan coa desigualdade de xénero poden agravar a discriminación e os riscos.

Na actualidade sabemos que as mulleres teñen unha maior esperanza de vida, pero con maiores enfermidades crónicas, acoden máis a miúdo á consulta médica, consumen máis medicamentos e teñen unha peor percepción da súa saúde que os homes. Elas seguen sendo as cuidadoras principais, coa sobrecarga física e emocional que iso conlleva. É preciso valorar a distribución do traballo produtivo, reproductivo, tempo de lecer e descanso no impacto na sua saúde e na orixe de enfermidades. A investigación androcéntrica e a extrapolación dos datos dos estudos masculinos levou ao atraso do diagnóstico e do tratamento en enfermidades como as cardiovasculares, onde non son recoñecidos os síntomas na muller. Prescríbenselle maior cantidade de psicofármacos debido á aceptación de estereotipos que as considera máis débiles e dependentes. Persiste actualmente discriminación e falta de autonomía na súa saúde sexual e reproductiva. É imposible non mencionar a violencia de xénero como violación de dereitos humanos e como problema de saúde pública que afecta a todos os niveis da sociedade en todas as partes do mundo.

Desde a nosa posición como profesionais de atención primaria e desde todos ámbitos da saúde debemos de ter a aspiración pero tamén a obrigación de traballar para cambiar os factores determinantes de xénero que vulneran a saúde e que tanto os homes como as mulleres teñan as mesmas oportunidades para o seu pleno desenvolvemento.

“La feminización de la pobreza es un hecho. La falta de oportunidades de empleo acordes con la formación, otro. El acoso y, cuando cabe, la violencia, otro más. Todo ello para un colectivo cuyo único defecto visible parece ser el no haber tenido la previsión de nacer con otro sexo

Amelia Valcárcel

Dra. Rosana Izquierdo Fernández. Responsable do grupo de traballo de Violencia de Xénero de Agamfec.

Deixa unha resposta

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies