25N DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA ÁS MULLERES

Comezo este texto coa esperanza de non atoparme nunha distopía convertida en realidade dentro duns días.
Este 25N deberíamos estar falando sobre as novas formas de violencia contra as mulleres e como esta se transforma en función das novas ferramentas que encontra, sobre como a violencia contra as mulleres dentro das casas e dos núcleos familiares aumentou exponencialmente no último ano. Son innúmeros os grupos das distintas redes sociais e ferramentas de comunicación nos cales homes partillan fotos das suas parellas, nais, irmáns, fillas, entre outras, sen o seu consentimento en troca de acceder a fotos doutras mulleres partilladas por outros membros deses grupos sen o seu consentimento. Tamén deberíamos de estar falando sobre a facilidade (por dispoñibilidade de ferramentas e vontade de quen o fai) de coller unha foto dunha muller de internet (xa sexa espazo público ou privado) e sen o seu consentimento crear contido pornográfico e subilo á dark web.
Este 25N ten un peso diferente. Este 25N precede as Eleccións Xerais do 29N nas cales máis dunha forza política defende como parte dos seus proxectos electorais menoscabar moitos dos dereitos que tanto nos custaron conseguir de innúmeras formas: eliminar o Ministerio de Igualdade, eliminar do voto individual pasando a voto familiar (sinónimo de retirar o voto ás mulleres), eliminar o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, eliminar o propio concepto de Violencia de Xénero, invalidar o amor e as unións/relacións non heteronormativas, privatizar a educación e a saúde, eliminar o sistema nacional de pensións, entre tantas outras atrocidades.
Posto isto, este 25N imos centrarnos en recordar que ser médica e médico de familia é moito máis que diagnosticar patoloxías e tratalas ao longo da vida das/dos nosas/nosos pacientes.
Ser médica/médico de familia é tamén darlles voz e loitar polos seus dereitos. O persoal é político e o profesional é político. Non temos o luxo de ser apolíticos cando nos encontramos ante un ataque tan serio aos dereitos fundamentais das mulleres, da comunidade LGBTIQ+ e tantas outras persoas en situación de vulnerabilidade. Como médicas e médicos de familia saiamos ás rúas e ás urnas este 29 N e elixamos con plena conciencia a quen entenda que non hai saúde sen equidade, a quen nos apoie na loita pola Seguridade, Liberdade, Saúde e Vida non só das persoas das nosas familias mais tamén das nosas e dos nosos pacientes.

Cátia Sofia Lages Jorge Timóteo
Muller, nai e médica de familia
GdT de Violencia de Xénero e Atención á Muller
AGAMFEC

Se queres formar parte deste Grupo de traballo escribe a secretaria@agamfec.com

 

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.