XXIV Xornadas AGAMFEC de Medicina Familiar e Comunitaria

Cóntanos a historia que, alá polo século XVI, os Condes de Lemos deron a coñecer o rico patrimonio arquitectónico e cultural das Terras de Lemos. Séculos de tradición caracterizan estas Terras, con gran similitude ó traballo realizado pola Atención Primaria.

É Monforte de Lemos a capital da Ribeira Sacra, cunha viticultura heroica na que, por moita pendente que presente o terreo, acádanse grandes resultados. Comparable á heroicidade do noso cada vez máis difícil día a día na consulta, con pouco tempo e recursos, sempre na procura da mellor atención para os nosos doentes.

Se miramos ó lonxe, tres grandes ríos conforman a Comarca, o Miño, o Sil e o Cabe,  correntes que arrastran os matices da natureza centenaria da zona, para confluír e sumar forzas. Así coma nós, que seguimos ampliando coñecementos e xuntámonos en eventos coma este para compartilos e crecer como profesionais e humanos.

Nunha época onde semella que disgregan os camiños da Atención Primaria, nunha zona que se ve cada vez máis envellecida e despoboada, queremos volver ó traballo en equipo e á comunidade, para lembrar a orixe e os nosos apelidos. Xuntar as nosas forzas para obter grandes resultados é a mellor opción.

Queremos que gocedes dun congreso moi participativo con obradoiros que atenden urxencias, crean plans de saúde e traballan coa comunidade. Con mesas que falan de violencia nas mulleres e de novas terapias para os pacientes crónicos, e nas que gozaremos da visión da Primaria dende moitas perspectivas.

Por todo o dito, convidámosvos a unir as nosas forzas nestas Terras do 26 ó 28 de marzo, para recibir a primavera e seguir sumando, porque “Xunt@s construímos Primaria”.

¡Estade atentos ó correo e as redes sociais, porque próximamente, teredes máis novidades!

Envía a túa comunicación ata o 2 de Marzo

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies