TÍTULO IX:
DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN
Artigo 53. Causas de disolución
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá disolverse polas seguintes causas:
a) Sentenza xudicial firme.
b) Acordo da Asemblea Xeral.
c) Imposibilidade sobrevida de conseguir os fins sociais.
d) Por outras causas determinadas legalmente.
No suposto definido no apartado c) a disolución require o acordo adoptado pola Asemblea Xeral. A Xunta Directiva debe convocar a Asemblea Xeral Extraordinaria cando teña coñecemento da existencia da causa especificada. Calquera asociado pode solicitar á Xunta Directiva a convocatoria da Asemblea, se estima que se ten producido dita causa. Se a Asemblea non for convocada, non se celebra ou non se ten adoptado ningún acordo con relación á disolución, calquer asociado poderá solicitar ao xuiz de Primeira Instancia do enderezo social que convoque a Asemblea ou disolva a Asociación.
Artigo 54. Período de liquidación
1. A disolución da Asociación abre o período de liquidación. A entidade conservará a personalidade xurídica até a finalización de dito período.
2. A Asemblea Xeral que acorde a disolución elixirá unha comisión liquidadora composta por cinco dos membros da Xunta Directiva. En caso de renuncia dos membros elixidos, os cargos de liquidador vacante poderán ser cubertos polos demais membros da Xunta Directiva.
3. Exceptúase do estabelecido no punto anterior o suposto de disolución acordada polo Xuiz, no que se estará ao que o mesmo determine verbo dos liquidadores.
4. As normas aplicábeis segundo estes Estatutos para a Xunta Directiva serán tamén aplicábeis á comisión liquidadora.
Artigo 55. Facultades dos liquidadores
Corresponde aos liquidadores:
- Velar pola integridade do patrimonio da Asociación
- Levar a contabilidade da Asociación.
- Concluir as operacións pendentes e efectuar as novas que foren precisas para a liquidación.
- Cobrar os créditos da Asociación.
- Liquidar o patrimonio e pagar aos acredores
- No caso de insolvencia, promover inmediatamente o oportuno procedemento concursal ante o xulgado competente.
- Aplicar os bens sobrantes da Asociación aos fins previstos polos Estatutos.
- Solicitar a cancelación de asentos no Rexistro de Asociacións.
Artigo 56. Aplicación do patrimonio social en caso de disolución
1. Os bens e dereitos resultantes da liquidación, é dicir, o haber resultante unha vez efectuadas as oportunas operacións de liquidación, destinaranse a asociacións, fundacións ou outras institucións sen ánimo de lucro que acorden os liquidadores, as cales deberán perseguir fins análogos aos da Asociación. No caso de que non existan entidades como as descritas, os bens destinaranse a entidades coas mesmas características que persigan fins similares ou compatíbeis cos que persegue a Asociación e sempre e cando os devanditos fins non desvirtúen o carácter non lucrativo da Asociación.
2. No suposto que a Asociación solicitase a súa declaración de Utilidade Pública, e optase para someterse ao réxime fiscal da Lei 49/2002 de 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, as entidades ás que se destine o patrimonio resultante da liquidación deberán ter a consideración de entidades beneficiarias de mecenado ao efectos do previsto no artigo 3.6º da citada Lei.
Para o mesmo suposto, recoñécese expresamente aos liquidadores a faculdade de designar, segundo o estabelecido nos parágrafos precedentes, o destino dos bens e dereitos resultantes da liquidación.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.
(diligencia)
D/DÑA. Ana Castaño, Secretario/a da Asociación AGAMFEC , CERTIFICA: que os presentes Estatutos foron modificados para ser adaptados ao previsto na Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, por acordo da Asemblea Xeral de Asociados convocada ó efecto de data 19/05/04.
En Cambre, a 20 de maio de 2004.
Fdo: Ana Castaño Fdo.: Pablo Vaamonde
A Secretaria O Presidente
|