TITULO IV:

DA ADMINISTRACIÓN DA ASOCIACIÓN E DOS ÓRGANOS DE GOBERNO. ADMINISTRACIÓN E REPRESENTACIÓN DA ASOCIACIÓN. ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN

Artigo 21. Órganos de Goberno

Os órganos de goberno e administración da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria son a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e a Xunta Permanente.

 

CAPÍTULO PRIMEIRO. DA ASAMBLEA XERAL

Artigo 22. Concepto

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno e participación da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria. Está integrada por todos os membros e os seus acordos serán adoptados democraticamente.

Os membros da Asociación poderán asistir con voz e voto, salvo no caso dos Membros de Honra e os Non Numerarios, ás sesións da Asemblea Xeral, sempre que estean ao corrente no pago das súas cotas e non se atopen sometidos a algún tipo de sanción.

Artigo 23. Convocatoria

1. A Asemblea Xeral poderá ser convocada en sesións Ordinarias e Extraordinarias.

2. A Asemblea Xeral Ordinaria será convocada polo Presidente por mandato da Xunta Directiva necesariamente unha vez ao ano.

3. A Asemblea Xeral Extraordinaria será convocada pola Xunta Directiva cantas veces o estime necesario. En todo caso, a Xunta Directiva está obrigada a convocar a Asemblea Xeral Extraordinaria cando o solicite un número igual ou superior ao 25% do total dos membros da Asociación.

Dita solicitude realizarase por escrito dirixido ao Presidente e estará asinada por todos os solicitantes con indicación do seu nome, apelidos e DNI. En dito escrito deberá facerse constar o obxecto ou obxectos da convocatoria, que constituirán a orde do día sen que o contido desta poida ser reducido pola Xunta Directiva, ainda que si ampliado. Dita Asemblea deberá realizarse dentro do prazo de dous meses a contar desde a presentación da solicitude.

4. A convocatoria, tanto de sesións ordinarias como extraordinarias, será efectuada pola Xunta Directiva con, polo menos, quince días de antelación á sua celebración, mediante a súa publicación na páxina web da Asociación, e mediante excrito dirixido á totalidade dos membros.

Na convocatoria deberá expresarse o lugar, data, hora de convocatoria e orde do día dos asuntos a tratar.

5. Unha vez convocada a asemblea non poderá modificarse o contido da orde do día, excepto se concurren á mesma a todalidade dos membros con dereito a voto e aceptan dita modificación por unanimidade.

Artigo 24. Constitución da Asamblea Xeral

1. A Asemblea Xeral, en sesións tanto ordinarias como extraordinarias, quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concurran a ela a maioría simple dos membros con dereito a voto. En segunda convocatoria, que se celebrará como mínimo media hora máis tarde da primeira, quedará validamente constituída a Asemblea sexa cal for o número de membros asistentes con dereito a voto.

2. Malia o disposto no apartado anterior, para que a Asemblea Xeral poida adoptar validamente acordos relativos ás materias estabelecidas no artigo 27 número 2 destes Estatutos, será necesario que concurran á mesma, tanto en primeira como en segunda convocatoria, cando menos un número igual ou superior ao 20% do total de membros con dereito a voto.

3. A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente nos primeiros meses do ano.

Artigo 25. Celebración da Asamblea Xeral

1. A presidencia da Asemblea Xeral corresponderá ao Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e o Secretario da Xunta Directiva actuará como secretario da Asemblea. O primeiro dirixirá os debates da Asemblea e asegurará o cumprimento da orde do día e o segundo redactará e asinará a correspondente acta coa conformidade do Presidente. O Presidente e o Secretario, xunto co resto da Xunta Permanente, formarán a Mesa da Asemblea Xeral.

2. As reunións da Asemblea Xeral darán comezo coa lectura polo Secretario da acta da reunión anterior. Posteriormente tomará a palabra o Presidente que someterá dita acta á aprobación da Asemblea. Seguidamente o Presidente exporá e desenvolverá o resto dos puntos da orde do día, someténdoos despois á consideración e voto da Asemblea.

3. A celebración dunha Asemblea Xeral non poderá interromperse mentres non se teña rematado o tratamento dos puntos da orde do día. Só poderá acordarse a suspensión por circunstancias excepcionais. Dita suspensión terá que ser aprobada por dous tercios dos membros presentes con dereito a voto. A sesión terá que se reiniciar no prazo de 24 horas, sen necesidade de nova convocatoria.

Artigo 26. Dereito a voto nas Asambleas Xerais

1. Na Asemblea Xeral poderán concorrer con dereito a voto todos os socios da Asociación que estean ó corrente no pago das súas cotas e que non se atopen sometidos a ningún tipo de sanción.

2. Admitirase a delegación de voto, segundo a normativa que se estabeleza ao respecto. Cada socio presente na Asemblea non poderá aportar, aparte do seu propio, máis de cinco votos delegados.

Artigo 27. Acordos

1. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos membros asistentes con dereito a voto, o que sucederá cando os votos afirmativos superen os votos negativos.

2. Será precisa unha maioría cualificada dos votos en asemblea constituída, co quorum estabelecido no artigo 24.2 destes Estatutos, para a adopción dos acordos que se sinalan a continuación:

a) Acordos relativos á disposición e enaxenación de bens inmóbeis e de calquer ben da Asociación que teña un valor superior ao vinte por cento do fondo social.

b) Adquisición de bens que teñan un importe superior ao vinte por cento do fondo social da Asociación

c) Constitución dunha confederación de asociacións, ou a integración a unións, federacións e confederacións xa constituídas.

d) Participación en sociedades mercantís.

e) Modificación dos estatutos.

f) Disolución da asociación.

g) Cesamento disciplinario de membros.

h) Cesamento da Xunta Permanente, da Xunta Directiva ou dalgún membro das mesmas.

3. As actas das sesións de Xunta Xeral reflexarán os acordos adoptados, as diversas opinións expresadas polos membros e, no seu caso, o resultado numérico da votación. Os acordos adoptados terán carácter executivo desde a súa adopción, con independencia de que a acta correspondente teña sido ou non aprobada.

4. As certificacións das actas serán expedidas e os acordos elevaranse a público, no seu caso, polo Secretario da Xunta Directiva e, en ausencia de este, por calquera outro membro de dita Xunta.

Artigo 28. Competencias da Asamblea Xeral

1. A Asemblea Xeral Ordinaria ten as seguintes competencias:

a) Lectura e aprobación da acta da Asemblea anterior.

b) Exame e aprobación das contas do exercicio económico anterior.

c) Exame e aprobación da xestión da Xunta Directiva.

d) Exame e aprobación dos obxectivos e liñas estratéxicas, e do plan de actividades propostas pola Xunta Directiva.

e) Exame e aprobación do Orzamento do exercicio seguinte.

f) Exame e aprobación das cotas que deban satisfacer os socios e os Membros Non Numerarios da Asociación.

2. Son competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria as seguintes:

a) Modificación dos Estatutos.

b) Disolución da Asociación

c) Constitución de fundacións, fusión con outras entidades similares e análogas; constitución de federacións, confederacións, coordinadoras ou similares; incorporación a unións xa constituídas ou a separación de elas.

d) Modificación dos signos distintivos da Asociación.

e) Solicitude da declaración de utilidade pública.

f) Aprobación da enaxenación de bens inmóbeis, calquera que for o seu valor, e de calquera van da Asociación con valor superior ao vinte por cento do fondo social.

g) Adquisición de bens cun valor superior ao vinte por cento do fondo social da Asociación.

h) Elección dos integrantes da Xunta Directiva.

i) Nomeamento de representantes.

j) Aprobación dos Regulamentos de Réxime Interno e Réxime electoral e Consultas, no seu caso.

3. A relación de competencias contida no presente artigo ten carácter enunciativo e non limita as atribucións da Asemblea Xeral, as cales se extenden a todos aqueles aspectos que veñan relacionados coa condición de órgano supremo da Asociación.

 

CAPITULO SEGUNDO. DA XUNTA DIRECTIVA

Artigo 29. Concepto

A Xunta Directiva da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria é o órgano de goberno da Asociación. A este efecto é quen goberna, xestiona, administra e representa os intereses da mesma de acordo coas disposicións e directrices da Asemblea Xeral.

Artigo 30. Duración do cargo

Os membros electos da Xunta Directiva exercen o seu cargo durante o período de tres anos a contar desde a data de toma de posesión do mesmo. Os mesmos poderán ser reelexidos un máximo de tres veces consecutivas para os correspondentes períodos trienais.

Artigo 31. Composición

1. A Xunta Directiva da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria estará composta por:

a) Presidente

b) Dous Vicepresidentes

c) Secretario

d) Tesoureiro

e) Vogais, seis como mínimo.

2. O Presidente, Vicepresidentes, Secretario, Tesoureiro e dous vogais formarán a Xunta Permanente da Asociación.

3. Os compoñentes da Xunta Directiva deben ser  sociosda Asociación, maiores de idade, cun mínimo dun ano de antigüidade, estar en pleno uso dos dereitos civís, estar ao corrente no pago das cotas e non ter incorrido en ningún dos motivos de incompatibilidade estabelecidos na lexislación vixente.

3. Non poderán ser membros da Xunta Directiva aqueles que teñan sido sancionados por comisión de faltas graves ou moi graves até que se atopen rehabilitados.

4. Os cargos da Xunta Directiva serán non remunerados, sen prexuízo da posibilidade ou dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados que o desempeño das suas funcións lles ocasione.

Artigo 32. Eleccións dos membros da Xunta Directiva

1. Os membros da Xunta Directiva deberán ser elixidos en Asemblea Xeral, en sesión Extraordinaria convocada ó efecto cunha antelación mínima de quince días antes da data da sua celebración.

2. A elección farase sobre candidaturas unitarias que conteñan todos os membros a elixir e coa distribución de cargos entre eles. As candidaturas deberán ser presentadas na Secretaría da Asociación, suscritas e asinadas polos membros candidatos, cun mínimo de unha hora antes da celebración da Asemblea. No proceso formarase unha mesa electoral composta por un Secretario e dous vocais da Xunta Directiva. Por maioría simple resultará electa aquela candidatura que obteña maior número de votos ao seu favor.

Artigo 33. Vogais

1. Formarán parte da Xunta Directiva un mínimo de sete vogais. A asignación de tarefas a cada unha das vocalías realizarase por acordo dos membros electos da Xunta Directiva na primeira reunión que se celebre despois da súa elección. Obrigatoriamente deberá formar parte da Xunta Directiva un Vocal de Residentes, que será designado a proposta dos residentes da especialidade na Comunidade Autónoma que sexan socios da Asociación, segundo a normativa que se estabeleza ao respecto.

Artigo 34. Aceptación e toma de posesión do cargo

1. Os membros electos da Xunta Directiva tomarán posesión dos seus cargos na mesma Asemblea Xeral na que resulten elixidos. O nomeamento dos cargos electos deberá ser certificado polo Secretario saínte co Visto e Prace do Presidente saínte.

Artigo 35. Cesamento dos membros da Xunta Directiva

1. O cesamento dos cargos antes de se extinguir o prazo regulamentario do seu mandato pode producirse por:

            1) Demisión voluntaria presentada á Xunta Directiva mediante petición escrita motivada.

            2) Enfermidade que incapacite para exercer o cargo ou defunción.

            3) Baixa como membro da Asociación, ben sexa voluntaria ou forzosa.

            4) Sanción por falta cometida no exercicio do cargo, imposta de acordo co estabelecido no artigo 18 dos presentes Estatutos e do Regulamento de Réxime Interno que no seu caso se aprobe.

            5) Acordo da Xunta Directiva, adoptado por maioría de dous tercios dos votos, ou por acordo da Asemblea Xeral adoptado por maioría cualificada.

2. As vacantes serán cubertas pola propia Xunta Directiva, pero o nomeamento deberá ser ratificado pola primeira Asemblea Xeral que se celebre. Dito acordo terá vixencia e o novo membro nomeado desempeñará o seu cargo até a celebración das seguintes eleccións.

Artigo 36. Competencias da Xunta Directiva

A Xunta Directiva ostenta a representación e administración da Asociación. Son funcións da Xunta Directiva:

a) Decidir sobre as liñas estratéxicas no marco das Finalidades expresadas no Artigo 6 dos presentes Estatutos.

b) Dirixir a administración da Asociación.

c) Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento do exercicio, así como os balances e as contas do exercicio pechado.

d) Elaborar o plan de actividades, memoria de actividades e memoria económica para a sua elevación á Asemblea Xeral Ordinaria; levar o estado de contas e os libros de contabilidade.

e) Garantir a obtención de recursos precisos para o funcionamento dos órganos e a realización de actividades definidos nos presentes estatutos.

f) Administrar o patrimonio e os recursos económicos da Asociación.

g) Custodiar e cubrir os libros e documentos contábeis e de rexistro da Asociación.

h) Resolver sobre a admisión de novos membros e acordar a baixa dos mesmos á que fai referencia o artigo 13 dos presentes Estatutos, coa tramitación, no seu caso, do previo e preceptivo expediente.

i) Adoptar as sancións a que fai referencia o artigo 18.

j) Propor a celebración de Congresos da Asociación, intervindo na sua organización administrativa, técnica e científica.

k) Designar Comités, Ponencias, Comisións, Grupos de Estudio e de Investigación.

l) Nomear os responsábeis das publicacións oficiais, da páxina web e de calquera outro órgano ou medio de expresión da Asociación.

m) Propor logotipos, emblemas oficiais e signos distintivos da Asociación.

n) Elevar ás Autoridades públicas as observacións e resultados dos estudos e investigacións efectuados.

o) Manter contactos con Sociedades e outras entidades estranxeiras de natureza semellante.

p) Garantir aos membros da Asociación información procedente dos órganos de goberno e participación a través de calquer medio escrito ou electrónico.

q) Manter actualizado o rexistro de socios e membros e o carácter confidencial dos datos incorporados.

r) Cumprir e facer cumprir os presentes Estatutos e os Regulamentos de Réxime Interno, no seu caso.

s) Realizar calquera función que estabeleza a Asemblea Xeral.

t) Cumprimentar todas as obrigas que estabelece a Lei Orgánica 1/2002 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.

u) Realizar calquera outra función que non sexa competencia da Asemblea Xeral.

v) Propor á Asemblea Xeral a modificación das cotas dos socios e membros non numerarios.

Artigo 37. Reunións da Xunta Directiva

1. A Xunta Directiva será convocada polo Presidente ou Vicepresidentes, no seu caso, cantas veces o estime adecuado ou ben a instancia de tres dos seus membros. A convocatoria realizarase cunha antelación mínima de sete días naturais á data da reunión, mediante convocatoria escrita na que conste o Orde do Día.

2. A Xunta Directiva deberá reunirse como mínimo unha vez ao trimestre.

3. Para que a Xunta Directiva se encontre validamente constituída será necesario que asistan á reunión polo menos o cincuenta por cento dos seus membros.

4. As decisións adoptaranse por maioría simple, dispondo o Presidente de voto de calidade no caso de empate. Non se admite a delegación de voto.

5. O secretario levantará acta de todas as reunións

 

CAPITULO TERCEIRO. DA XUNTA PERMANENTE

Artigo 38. Da Xunta Permanente

A Xunta Permanente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria estará formada por sete membros, todos eles membros electos da Xunta Directiva:

1. Presidente

2. Vicepresidentes

3. Secretario

4. Tesoureiro

5. Dous vogais, elexidos de entre os seus propios vogais, pola Xunta Directiva

As funcións da Xunta Permanente serán:

a. Elaborar o proxecto de obxectivos e liñas estratéxicas da organización para a súa presentación á Xunta Directiva.

b. Facilitar a realización das actuacións aprobadas pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva.

c. Representar a Asociación ante as organizacións de carácter público e/ou privado, así como ante as administracións públicas.

d. Asumir a xestión cotián das actividades da Asociación.

e. Ocuparse das convocatorias da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.

f. Supervisar o funcionamento da estrutura administrativa da Asociación.

g. Impulsar e realizar o seguimento dos Grupos de Traballo da Asociación.

h. Cumplir e facer cumprir os presentes Estatutos, así como os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.

Artigo 39. Do Presidente

O Presidente da Xunta Directiva recibirá a denominación de Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e ostentará a representación legal da mesma. Dita función será asumida polo Vicepresidente primeiro e, no seu defecto, polo segundo, en caso de enfermidade, ausencia ou vacante do Presidente.

Son faculdades do Presidente:

a. A representación da Asociación.

b. Realizar e dirixir as actividades da Asociación precisas para o desenvolvemento dos seus fins.

c. Presidir a Asemblea Xeral, Xunta Directiva e Xunta Permanente, abrindo e dirixindo os debates e a orde das reunións, verificando os escrutinios que se leven a cabo e erguer as sesións.

d. Convocar as reunións dos órganos de goberno, fixando a orde do día.

e. Asinar as actas das reunións que celebren os órganos de goberno da Asociación, os pagos e demais documentos da Asociación.

f. Adoptar as iniciativas necesarias para o desenvolvemento dos obxectivos da Asociación dentro das directrices xerais da mesma.

g. Render informe da súa actuación anualmente diante da Asemblea Xeral.

h. Ordenar os pagos.

Artigo 40. Dos Vicepresidentes

Serán funcións dos Vicepresidentes:

a. Colaborar co Presidente no exercicio das súas tarefas.

b. Asumir as funcións e representacións que sexan delegadas polo Presidente

c. Asumir as funcións do Presidente no caso de ausencia, doenza ou vacantedo mesmo.

Artigo 41. Do Secretario

Corresponde particularmente ó Secretario

a. Recibir e tramitar solicitudes de ingreso e baixa de membros da Asociación.

b. Manter actualizado o ficheiro ou base de datos dos socios e membros da Asociación.

c. Levantar e asinar, co visto e prace do Presidente, as actas das reunións dos órganos colexiados da Asociación, e certificar a adopción dos acordos por parte dos mesmos. En caso preciso poderá ser substituído nesta función por outro membro da Xunta Permanente.

d. Custodiar as actas e expedir certificación das mesmas co visto e prace do Presidente.

e. Notificar as convocatorias.

f. Facilitar a documentación precisa para a realización das actividades da Asociación, e realizar todas as tarefas de administración que a Xunta Directiva lle asigne ou o Presidente lle encargue ou delegue.

Artigo 42. Do Tesoureiro

O Tesoureiro dirixirá a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e gastos sociais, e intervirá en todas as operacións de orde económica. O tesoureiro recaudará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pago que expida o Presidente.

O Tesoureiro redactará e formalizará o orzamento anual de ingresos e gastos, segundo o criterio que a Xunta Directiva acorde, e elaborará o estado de contas anual, os cales, autorizados pola Xunta Directiva, serán sometidos á aprobación da Asemblea Xeral.

O Tesoureiro será substituído en caso de ausencia, enfermidade, demisión ou cesamento por calquera outro membro da Xunta Permanente, nomeado e designado pola mesma. Esta substitución deberá ser ratificada na primeira reunión de Xunta Directiva que se celebre.

Artigo 43. Administración interna

1. En auxilio das suas funcións, a Xunta Directiva e a Xunta Permanente poderán contratar o persoal administrativo remunerado que estimen conveniente e oportuno.

2. A Xunta Directiva e a Xunta Permanente poderán encargar a profesionais externos a prestación dos servizos de carácter profesional que estimen necesarios para a boa organización, xestión e goberno da Asociación.

 

CAPÍTULO CUARTO. ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN. CONSELLO ASESOR

Artigo 44. Seccións e Grupos de Traballo

A Xunta Directiva poderá crear Seccións para o desenvolvemento específico dos fins propios da Asociación. As tarefas destas Seccións serán asumidas polos vogais da Xunta Directiva. Contémplanse as Seccións de: Docencia, Investigación, Comunicación e Prensa, Relacións coa semFYC, PAPPS e Grupos de Traballo. Poderanse crear estas Seccións e todas aquelas que se estimen necesarias para o desenvolvemento dos fins da Asociación.

A Xunta Directiva poderá crear Grupos de Traballo destinados a realizar actividades de formación, investigación e asesoramento nas diferentes áreas de interese no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria. Os Grupos de Traballo regularanse mediante unha Normativa de Funcionamento dos Grupos de Traballo que será aprobada pola Xunta Directiva. A Xunta Directiva nomeará entre os seus vogais un Coordinador de Grupos de Traballo. Todos os responsábeis dos Grupos de Traballo serán nomeados pola Xunta Directiva.

Artigo 45. Consello Asesor

A Asociación poderá constituir un Consello Asesor e os membros do mesmo serán nomeados pola Xunta Directiva, que asignará a dito Consello as atribucións e competencias que en cada momento estime oportunas. Os membros do Consello Asesor poderán ser cesados no seu cargo pola Xunta Directiva. O nomeamemto como membro do Consello Asesor realizarase para un período de tres anos, renovábel se así o considera a Xunta Directiva.