TÍTULO II:

DOS MEMBROS E DAS ENTIDADES COLABORADORAS. DOS SEUS DEREITOS E OBRIGAS. DO RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 10. Dos Membros

Os asociados denomínanse Membros da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e a súa condición é persoal e intransferíbel.

Poderán formar parte da Asociación en calidade de Socio todas as persoas físicas, maiores de 18 anos, con plena capacidade de obrar, que cumpran as condicións estabelecidas nos presentes Estatutos e nas leis, teñan interese en servir ás finalidades sociais e sexan admitidos pola Asociación; e en calidade de Membro de Honra e Membro Non Numerario, as persoas físicas e xurídicas, con plena capacidade de obrar ou após o acordo do órgano competente da persona xurídica, que cumpran os requisitos estabelecidos nas letras b) e c) do artigo 11.

Artigo 11. Clases de Membros

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria terá os seguintes tipos de membros:

a) Socio: Poderán ser socios da AGAMFEC:

1. Os especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria.

2. Os licenciados e/ou doutores en Medicina que desenvolvan a súa actividade profesional en Atención Primaria e/ou desenvolvan a súa actividade no ámbito das competencias da Medicina Familiar e Comunitaria e Atención Primaria.

3. Os médicos que cursan o Programa Nacional de dita especialidade

b) Membro de Honra: Poderán ser Membros de Honra aquelas persoas físicas ou xurídicas de especial relevancia, con destacada contribución á Asociación, á consecución dos obxectivos ou fins que persegue ou cunha función e prestixio no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria e da Atención Primaria, que os faga merecedores de dita condición. Os Membros de Honra non pagarán cotas á Asociación.

c) Membro Non Numerario: Poderán ser membros non numerarios os profesionais sanitarios que desenvolven a súa actividade no ámbito da Medicina de Familia e que comportan os fins da organización. Igualmente poderán selo os médicos de familia que exerzan a súa profesión fóra do Estado Español.

Artigo 12. Adquisición da condición de socio

1. Para o ingreso como socio da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria será preciso seguir os trámites de admisión que se estabelecen:

a) Presentación dun escrito de solicitude.

b) Aceptación do ingreso por parte de Xunta Directiva da Asociación.

c) Pago da cota anual acordada e da correspondente cota de ingreso, se fose estabelecida.

2. Ningún socio pode pertenecer a máis dunha sociedade federada na semFYC (Sociedad Española de Medicina de Familia y Comunitaria).

Artigo 13. Perda de condición de socio

1. A perda da condición de socio poderá producirse por calquera das seguintes causas:

a) Renuncia voluntaria do socio.

b) Defunción do socio.

c) Incumprimento sobrevido dos requisitos esixidos.

d) Incumprimento reiterado por parte do socio dalgún dos deberes e obrigas que a Lei e os presentes Estatutos lle impoñen.

e) Incumprimento dos acordos adoptados polos órganos directivos da Asociación.

f) Falta de pago das cotas periódicas e extraordinarias nun prazo superior a un ano.

g) Realización de actos, actividades e manifestacións contrarias e incompatíbeis cos fins sociais, que fagan indigno ao socio de tal condición e que supoñan un desprestixio para a Asociación.

h) Calquera outra causa estabelecida nos Estatutos da Asociación.

2. Todos os socios teñen dereito a se dar de baixa voluntariamente da Asociación en calquera momento e por calquera causa ou motivo. A solicitude de baixa voluntaria deberá realizarse mediante escrito dirixido ao Presidente da Asociación. Será efectiva  no momento en que sexa comunicada na Xunta Directiva da Asociación, comunicación que deberá efectuarse na primeira reunión que se convoque e celebre despois de recibida a solicitude.

A solicitude de baixa voluntaria non eximirá da obriga de satisfacer todas as obrigas económicas que teña pendentes coa Asociación.

3. A perda da condición de socio como consecuencia da resolución recaída nun expediente sancionador deberá vir precedida pola tramitación do oportuno expediente no que se garanta o seu dereito a ser informado dos actos que se lle imputan e a sanción que se propón; a efectuar prego de descargo e proposición de probas; e a recurrir en alzada ante a Asemblea Xeral.

4. A perda da condición de socio conleva a de todos os dereitos inherentes á mesma.

Artigo 14. Readmisión de socios

O socio que teña causado baixa na Asociación, de forma voluntaria ou forzosa, e desexe reingresar na mesma, deberá cumplir de novo todos e cantos requisitos se fixan nos presentes Estatutos, efectuando os trámites de admisión segundo o procedemento estabelecido.

No caso de que a baixa fose acordada por causa do impago de cotas, derramas, subscripcións ou outras obrigas económicas, para ser admitido de novo deberá satisfacer o importe das obrigas económicas non satisfeitas e que foron motivo da súa exclusión.

Artigo 15. Da adquisición e perda da condición de Membro de Honra e Membro Non Numerario

A adquisición da condición de Membro de Honra require unha proposta formulada por calquera membro ante a Xunta Directiva da Asociación. O recoñecemento de tal distinción require ser aprobado pola Xunta Directiva e ratificado pola Asemblea Xeral. Asimesmo, se houbese motivos graves para tal decisión, a perda da condición de Membro de Honra require ser aprobada pola Xunta Directiva e ratificada pola Asemblea Xeral.

A adquisición da condición de Membro Non Numerario e a perda de tal condición realizarase segundo o estabelecido nos artigos 12 e 13 para o caso dos socios.

 

CAPITULO SEGUNDO: DOS DEREITOS E DEBERES DOS MEMBROS E DO RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 16. Dereito dos Membros

1.Todos os membros da Asociación gozarán, en réxime de plena igualdade e liberdade, dos seguintes dereitos:

a) Dispor de información e participar en todas as actividades e actos da Asociación, tanto científicos como administrativos.

b) Dispor de información relativa aos acordos dos órganos de goberno da Asociación; dispor de información sobre o estado de contas.

c) Asistir con voz e voto, cando así proceda, á Asemblea Xeral.

d) Elixir e ser elixíbel, cando for procedente, para os órganos de goberno.

e) Ser ouvido con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias, ser informado dos feitos que dean lugar a tales medidas e esixir que a resolución que recaia sexa motivada.

f) Impugnar os acordos de calquera dos órganos de goberno da Asociación que estime contrarios á lei e aos presentes Estatutos.

g) Darse de baixa voluntariamente na Asociación.

h) Facer suxerencias á Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.

2.Os Membros de Honra e os Non Numerarios non gozarán de dereito a voto nas Asembleas Xerais da Asociación e non poderán formar parte dos órganos de goberno, dirección e representación da mesma.

Artigo 17. Dos deberes dos Membros

1. Serán deberes dos membros da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria os seguintes:

a) Comprometerse e contribuir ao cumprimento das finalidades sociais da Asociación e ao desenvolvemento das súas actividades.

b) Contribuir ao sostemento da asociación co pago das cotas, derramas e outras aportacións económicas que, de conformidade cos presentes Estatutos, acorden os órganos de goberno e representación.

c) Respetar e cumprir os presentes Estatutos e os Regulamentos Internos que aprobe a Asociación.

d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da Asociación.

e) Desenvolver coa fidelidade, celo e dilixencia necesarios as obrigas inherentes ao cargo para o que teña sido elixido.

f) Respectar a libre manifestación doutros membros da Asociación, non perturbar as actividades da entidade nin o cumprimento dos fins sociais e contribuir ao prestixio da Asociación.

2. Os Membros de Honra e Non Numerarios terán os mesmos deberes que os restantes membros da Asociación, agás o estabelecido na letra e).

Artigo 18. Réxime disciplinario

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria pode sancionar, por medio dos seus órganos de goberno, as infraccións cometidas polos membros que incumpran os deberes e obrigas que conteñen os presentes Estatutos e os Regulamentos de Réxime Interno da Asociación.

Ditas infraccións poderán ser cualificadas de leves, graves e moi graves, e as sancións correspondentes poderán ir desde a simple amonestación até a expulsión ou separación do membro.

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria regulará, mediante un Regulamento de Réxime Interno, o réxime de infraccións e medidas disciplinarias, así como o procedemento para a adopción dos acordos sancionadores.

 

CAPITULO TERCEIRO: DAS ENTIDADES OU MEMBROS COLABORADORES

Artigo 19. Das entidades ou membros colaboradores

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá inscribir no seu seo a persoas físicas e entidades xurídicas que, sen reunir as condicións e requisitos para ser membros, desexan voluntariamente estar vinculadas á entidade mediante a aportación de recursos económicos, periódicos ou puntuais, e subscriban coa Asociación o correspondente Convenio de Colaboración.

Ditas persoas ou entidades, que non terán en ningún caso a condición de membros, recibirán a denominación de Entidades ou Membros Colaboradores, podendo facer uso de dita denominación mediante lenda ou reseña. Terán os dereitos e vantaxes que determinen os órganos de dirección e representación da Asociación, os cales constarán no correspondente Convenio de Colaboración.

Será de aplicación aos membros colaboradores o réxime disciplinario estabelecido no artigo 18 dos presentes Estatutos.