TITULO I:
DA ASOCIACIÓN EN XERAL: DENOMINACIÓN, NATUREZA, FINS, ENDEREZO, ÁMBITO, MODIFICACIÓN E INTERPRETACIÓN DOS ESTATUTOS
Artigo 1. Denominación
A asociación denomínase Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, en anagrama AGAMFEC. Rexirase, con carácter xeral, pola vixente Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo reguladora do Dereito de Asociación, e as súas normas complementarias e de desenvolvemento; de forma específica rexirase polo contido dos presentes Estatutos.
Artigo 2. Natureza e forma xurídica
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria é unha asociación sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, formada por médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria, de natureza científica e profesional, e que desenvolve as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.
Poderá federarse e confederarse con outras asociacións ou federacións de ámbito estatal ou europeo que teñan obxectivos e funcións semellantes.
Artigo 3. Ámbito territorial
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria desenvolve principalmente as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.
Dito ámbito non exclúe nin limita a posibilidade de desenvolver actividades no Estado Español ou de alcance supranacional, ben sexa por si propia ou en relación e cooperación con outras entidades que persigan fins análogos ou similares.
A Asociación adopta como lingua oficial o idioma galego.
Artigo 4. Domicilio social
O domicilio social da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria radicará na localidade de Cambre (A Coruña),
Centro de Saúde de Cambre, Rúa Agra de Samosteiro 4 B, C.P. 15660 Web: www.agamfec.com
Para os efectos de comunicacións e notificacións sinálase como preferente o seguinte enderezo:
CONGREGA S.L.
Rúa Rosalía de Castro, 13 – 1º Esquerda.
C.P.: 15004. A Coruña.
Teléfono: 981 – 216 416
E-mail: secretaria@congrega.es
Artigo 5. Duración
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria terá duración indefinida e só se disolverá polas causas e na forma prevista na Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, nas súas normas complementarias, de desenvolvemento e execución e nos presentes Estatutos.
Artigo 6. Fins sociais
O obxecto social da entidade está constituido polo fomento, o desenvolvemento, a promoción e a divulgación da Medicina Familiar e Comunitaria e da Atención Primaria, en calquera dos seus ámbitos, ou que con eles poida relacionarse. Asimesmo, constitúe o seu obxecto social o desenvolvemento profesional dos seus membros e do conxunto dos profesionais que traballan no primeiro nivel de saúde, realizado en colaboración coas organizacións sanitarias, políticas e docentes; a formación continuada dos mesmos; o desenvolvemento da investigación no ámbito da saúde e a promoción da mellora da saúde dos cidadáns.
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria ten como finalidades xerais:
1.Promocionar e fomentar o progreso da Medicina Familiar e Comunitaria como especialidade médica e como disciplina académica.
2.Desenvolver e divulgar o perfil profesional do médico de familia, os seus valores, os seus principios e competencias.
3.Mellorar a calidade da Atención Primaria e de todos os ámbitos profesionais da Medicina Familiar e Comunitaria, dando resposta ás necesidades de saúde dos cidadáns,e con este obxectivo traballar para constituirse nun referente social nestes ámbitos.
4.Promocionar a Atención Primaria de Saúde como nivel asistencial que regule, coordine e cohesione o sistema sanitario na comunidade autónoma de Galicia.
5.Fomentar a interacción entre os médicos de familia e outros especialistas con todos os sectores da sociedade con que estes poidan estar relacionados, así como promover actividades de aplicación comunitaria destinadas a mellorar a saúde dos cidadáns.
6.Representar e defender os intereses dos seus membros no marco das Leis e ante os organismos das Administracións Públicas, Sanitarias e Docentes, e ante outros órganos ou entidades, nacionais e internacionais, públicos ou privados.
7.Servir de órgano informativo respecto das funcións e fins da especialidade; colaborar con entidades públicas ou privadas mediante a elaboración de estudos, informes, propostas ou similares.
8.Procurar a resolución de conflitos entre os seus membros por aspectos relacionados coa disciplina, e defender os intereses dos seus membros en situacións relacionadas coa mesma.
Artigo 7. Actividades sociais
Para o cumprimento dos seus fins a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria organizará e realizará todas aquelas actividades e funcións que estime precisas e oportunas, entre elas:
-Organizará, realizará e celebrará actos e actividades de carácter profesional, de investigación, formativos, culturais ou asistenciais, de forma individual ou en colaboración coas administracións ou organizacións públicas ou privadas.
-Organizará un Congreso, coa periodicidade que estabeleza a Asemblea Xeral, e calquera outra actividade de carácter científico-médico, científico-cultural, docente e de perfeccionamento, tales como congresos, sesións, reunións, debates, foros, simposios, cursos e outras manifestacións similares.
-Promoverá a docencia e a investigación en Medicina Familiar e Comunitaria, mediante a concesión, no seu caso, de premios, becas e axudas á docencia e investigación científicas.
-Editará, publicará, producirá e/ou distribuirá publicacións, revistas, libros, informes e outros documentos relacionados coa Medicina Familiar e Comunitaria e coa Atención Primaria, en calquer medio ou soporte; encargará, redactará e divulgará informes, guías e recomendacións no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria e da Atención Primaria.
-Representará aos profesionais en foros, reunións e actos similares, de ámbito autonómico, estatal ou internacional.
-Homologará e acreditará servizos e actividades de formación realizados por profesionais, encamiñados ao mantemento e perfeccionamento dos coñecementos que se encontran recollidos na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e no ámbito da Atención Primaria.
-Realizará calquera outra actividade que os órganos de dirección e de representación acorden realizar en cumprimento dos fins estabelecidos no artigo 6 dos presentes Estatutos.
Estas actividades e funcións serán levadas a cabo pola Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria directamente ou en colaboración con outras sociedades que persigan os mesmos obxectivos.
Artigo 8. Interpretación dos Estatutos
A Xunta Directiva será o órgano competente para interpretar os preceptos contidos nos presentes Estatutos, sempre con total submisión á normativa legal vixente en materia de asociacións.
Artigo 9. Modificación dos Estatutos
1.A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria poderá modificar total ou parcialmente os seus Estatutos, mediante acordo adoptado pola Asemblea Xeral Extraordinaria convocada específicamente con este obxecto.
A Asemblea Xeral quedará válidamente constituída de conformidade ao quorum estabelecido no artigo 24 destes Estatutos, sendo necesario para a aprobación da modificación o voto favorábel da maioría cualificada dos votos que correspondan aos membros presentes.
2.A Xunta Directiva aprobará o procedemento para o debate das enmendas na Asemblea Xeral Extraordinaria, que dará a coñecer aos membros da Asociación con suficiente antelación.
|