jesus sueiro valedora do pobo

A Agamfec remite á Valedora do Pobo a súa proposta de eixos estratéxicos de desenvolvemento dunha Atención Primaria de calidade

A Xunta Directiva da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), fixo entrega dunha proposta de actuación en Atención Primaria ante a Valedora do Pobo. Na petición formulada a responsable de dita institución, María Dolores Fernández Galiño, a Agamfec solicita unha actuación na defensa do dereito de asistencia sanitaria de calidade para os cidadáns en Atención Primaria mediante unha supervisión activa da actividade lexislativa e as dotacións orzamentarias que as Administracións públicas executan sobre este nivel asistencial. A entrega do documento realizouse de xeito coordinado en todas as institucións semellantes das 17 comunidades autónomas por parte das sociedades da federación semFYC, debido a que a meirande parte das competencias en Atención Primaria están traspasadas. A suma destas 17 sociedades científicas constitúe a entidade científico-sanitaria con máis socios en España.

Os documentos (Consulta aquí o documento completo en PDF [+]) entregados sinalan os eixos básicos do desenvolvemento da AP, orientados a mellorar a atención que se brinda ás persoas e ás súas familias. Entre estes eixos, semFYC marca como prioritarios a necesidade de mellorar e renovar infraestruturas, a dotación de medios técnicos suficientes para a atención clínica non presencial ou a contratación ou persoal sanitario e non sanitario necesario, con contratos estables e dignos. En relación a isto último, a semFYC insiste de novo na necesidade de crear un perfil de Administrativo Sanitario.

Outro dos eixos sinalados é a necesidade de ampliar e dotar dunha carteira de servizos mellorada e óptima (ecografía, dermatoscopia, infiltracións, cirurxía menor, etc.) aos equipos de Atención Primaria de Saúde, á fin de que as e os médicos de familia poidan ser máis resolutivos e diminuír as derivacións hospitalarias.

A orixe das deficiencias: acrecentadas pola covid-19

No texto sinalase que a Atención Primaria, historicamente, “padece dun problema de falta de dotación de persoal, de medios técnicos e de infraestruturas necesarias para prestar axeitadamente os servicios que dependen dela” e que “a partires de 2008, esta situación veuse agravada polos recortes derivados da crise económica, sen que posteriormente se recuperase o nivel previo a dita crise pola falta de inversións”. Segundo sinala o escrito, “nesa conxuntura, xa de seu deficitaria, a Atención Primaria veuse obrigada a facer fronte á actual pandemia soportando unha sobrecarga de traballo adicional e as súas consecuencias”.

Por todo isto, solicítase o apoio da Valedora do Pobo e dos presidentes das comunidades para solicitar conxuntamente unha forte inversión en Atención Primaria para poder medrar na súa capacidade resolutiva cunha serie de medidas urxentes.

O documento argumenta que a Atención Primaria é o nivel que “ten amosado ser o máis coste-efectivo e equitativo para mellorar a saúde da poboación, ao tempo que evita derivacións innecesarias a Atención Hospitalaria e desigualdades por motivos socio económicos”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies