Grupo de Traballo de Inequidades en Saúde Agamfec

“As autoridades e os gobernos deben poñer o foco na eliminación das inequidades sanitarias actuando sobre os determinantes sociais da saúde”

O pasado mes de outubro poñíase en marcha en Agamfec o Grupo de Traballo de Inequidades en Saúde e Saúde Internacional, co obxectivo de “mellorar a saúde e a asistencia sanitaria das persoas e os colectivos sociais máis vulnerables e en risco ou situación de exclusión na consulta e na Comunidade”. A súa coordinadora, Ana Arceo, explica nesta entrevista as razóns polas que se creou este grupo, os proxectos que teñen entre mans e a situación de inequidade e desigualdades sociais en España, especialmente marcada pola crise da COVID-19

Con que intención nace o Grupo de Traballo en Inequidades en Saúde e Saúde Internacional?

O noso principal obxectivo é mellorar a saúde e a asistencia sanitaria das persoas e os colectivos sociais máis vulnerábeis e en risco ou situación de exclusión na consulta e na Comunidade. Para elo é fundamental incorporar ou potenciar o foco nos determinantes sociais da saúde como elemento transversal para abordar os distintos problemas na consulta.

Que tipo de actividades tendes pensado poñer en marcha dende o grupo?

Estamos en proceso de formación e de elaboración de materiais, coa intención de transmitir aos profesionais da Medicina que é necesario cambiar a nosa ollada na consulta. Queremos colaborar coas Unidades Docentes de Medicina na formación das novas xeracións de residentes, así como do estudiantado na Universidade. Pero tamén queremos chegar á cidadanía e aos grupos políticos.

O grupo tamén se vai centrar en saúde internacional. Falades de medicina tropical, consellos ao viaxeiro… Fálame un pouco disto

Coa globalización e os movementos migratorios cada vez temos máis pacientes nas nosas consultas que veñen de, ou viaxan a, outros países onde existen outro tipo de patoloxías, sobre todo infecciosas. É necesario coñecelas para poder tratalas e ter o calendario vacinal ao día.

Tamén están entre os vosos obxectivos colaborar con ONG que traballan no ámbito das determinantes e as inequidades en saúde. Que tipo de alianzas e colaboracións se poderían establecer neste ámbito?

Establecer alianzas de colaboración cos servizos sociais, ONG, asociacións de veciños e outros activos en saúde é fundamental. A recomendación de activos comunitarios na consulta ademais de ampliar os recursos terapéuticos dispoñibles en Atención Primaria, pode axudar a pacientes con factores de risco psicosocial, sobre todo a aqueles que non requiren ou non queren participar dos tratamentos farmacéuticos. Melloran o benestar e fortalecen ás persoas, actuando como soporte individual e social para contrarrestar situacións de estres e superar as dificultades fronte a desigualdade. Para elo faise necesario facer un mapeo de activos e abrir os centros de saúde a traballar en equipo coa comunidade.

A vosa intención, ademais, pasa por colaborar con outros actores como PACAP, ACIS… Como de importantes son as sinerxías entres diferentes grupos para conseguir rematar coas actuais desigualdades?

O establecemento de redes entre grupos de traballo con obxectivos similares como o Programa de Actividades Comunitarias en Atención Primaria ou complementarios como a Axencia de Coñecemento Innovación e Saúde serven para difundir e sensibilizar na importancia de abordar as desigualdades e inequidades en saúde, mediante a realización de cursos de formación, traballos de investigación ou creación de alianzas neste eido.

Como ves a situación de inequidade e da desigualdade social en saúde en España nestes momentos?

A desigualdade en España aumentou na Grande Recesión do 2008, da que nos estabamos recuperando moi lentamente, cunhas condicións de traballo moi precarias. Agora estamos ante unha nova crise xerada pola pandemia da COVID-19, cun impacto socioeconómico brutal. A paralización da actividade económica pon en situación de vulnerabilidade social a moitas persoas, aumentando o risco de desigualdades e inequidades en saúde. Tampouco podemos esquecer as persoas que non teñen acceso ao sistema sanitario debido aos últimos decretos lei de acceso universal ao Sistema Nacional de Saúde

Que grupos presentan unha maior inequidade no acceso á sanidade? Cal sería o mapa de causas desas desigualdades?

Os grupos máis vulnerábeis son os formados polas persoas socialmente illadas, as que viven soas, as sen fogar, as persoas migrantes e refuxiadas, as que sofren enfermidades mentais, as mulleres e os nenos e nenas en risco de violencia de xénero. Entre as causas hai factores non modificables como o xénero ou a xenética. Logo están os estilos de vida como a alimentación, o sedentarismo ou os hábitos tóxicos. Estes non son comportamentos que a persoa escolla con total liberdade, xa que tamén dependen doutros factores como o entorno físico e medioambiental, a educación, a clase social, os ingresos, o emprego, as redes sociais e de apoio. Todos eles marcan unha serie de normas e oportunidades que definen as condutas e o estres psicosocial.

Que solucións inmediatas e a medio prazo poderían poñerse en marcha?

As solucións deben ser sociais para problemas sociais. As autoridades e os gobernos deben poñer o foco na eliminación das inequidades sanitarias actuando sobre os determinantes sociais da saúde. É necesario promover o diálogo local entre as comunidades, as institucións e os servizos públicos, para elaborar plans de saúde que apoderen á comunidade na resolución dos problemas, orientados á redución das desigualdades e inequidades en saúde, fuxindo da patoloxización e o tratamento biomédico.

A pandemia provocada pola COVID-19 está producindo novas desigualdades? Ou se magnifican as que xa existen? Se é que si, cales son os determinantes sociais que provocan esta situación?

Diferentes estudos identifican un incremento do risco de gravidade da COVID-19 en función de certas condición de saúde, como a idade ou a presenza de enfermidades crónicas. Pero máis alá desta vulnerabilidade clínica, a evidencia dispoñible, así como os brotes vinculados a contextos de precariedade laboral e habitacional detectados no noso territorio, poñen de manifesto que a pandemia non afecta a todos os grupos de poboación por igual. A posición socioeconómica, o xénero e as condicións de vida e laborais dunha persoa son determinantes sociais que condicionan as desigualdades en saúde da poboación fronte á COVID-19.

Que papel debe ter o médico de familia para cambiar activamente as situacións de desigualdade social, inequidade económica e falta de oportunidades?

É preciso mirar cara os problemas que existen na comunidade e que afectan ao día a día dos nosos pacientes. Existen moitas ferramentas na consulta que a maioría descoñecen, como a utilización dos códigos Z para coñecer a situación social dos nosos pacientes ou poñer en práctica a lei de coidados inversos, traballando con máis intensidade nos que máis o necesitan. E usar a recomendación de activos, por exemplo unha persoa con ansiedade por un problema laboral pode beneficiarse máis dun sindicato que dun antidepresivo.

É precisa unha Atención Primaria forte para asegurar a saúde das persoas?

É fundamental. A Atención Primaria debe ser o eixe vertebrador de todo o sistema sanitario. Somos a porta de entrada ao sistema. Para elo é preciso aumentar a inversión económica e humana cun enfoque biopsicosocial.

Falemos de investigación. Con respecto aos ensaios clínicos, cal é o impacto que teñen as desigualdades e diferencias socioeconómicas sobre estes?

A maioría de ensaios clínicos realízanse sen ter en conta as desigualdades e diferencias socioeconómicas. A pobreza non é rendible. Tamén podemos falar de inequidade de xénero, xa que segundo estudos científicos, moitos tratamentos médicos son ineficaces e incluso perigosos nas mulleres, ao estar infrarrepresentadas nos ensaios clínicos.

É posible incorporar ou potenciar o enfoque dos determinantes sociais como elemento transversal ao abordar distintos problemas de saúde?

Na maior parte das nosas consultas, sen ter en conta os determinantes sociais a nosa abordaxe clínica será un fracaso. A tendencia xeral é culpabilizar ao paciente e situar toda a responsabilidade da mala saúde no comportamento individual. É fundamental ampliar a nosa mirada ao ámbito social, coñecer a casa onde vive, o seu traballo ou estudos, as condicións económicas da súa vivenda ou do seu barrio. Non basta con propoñer á xente que deixe de fumar, de beber ou que faga exercicio físico. Tamén teríamos que recomendarlle que tivera un traballo digno, que vivira nunha casa en condicións, que non fora inmigrante e que, na medida do posible, non fora pobre.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies