Foto: CDC/ Cynthia Goldsmith

A Enfermidade polo virus de Zika. Preguntas, respostas e recomendacions

Esta enfermidade é causada por un viru semerxente transmitido por mosquitos do xénero Aedes (que habitualmente pican pola mañá e á tardiña/anoitecer)

Os pacientes con enfermidade polo virus de Zika (tamén coñecido como ZIKAV ou ZIKV) adoitan presentar febre non moi elevada, exantema e conxuntivite, síntomas que adoitan durar entre 2 e 7 días.
Polo momento non hai vacinas nin tratamentos específicos para esta enfermidade. A mellor forma de previla consiste na protección fronte ás picaduras dos mosquitos.
Sábese que o virus circula en África, as Américas, Asia e o Pacífico.
O virus de Zika se identificou por vez primeira en Uganda, en 1947 en macacos da India a través dunha rede de monitoreo da febre amarela selvática. Posteriormente, en 1952, identificouse no ser humano en Uganda e a República Unida de Tanzanía. Rexistráronse brotes de enfermidade por este virus en África, as Américas, Asia e o Pacífico.

Reservorio: descoñecido

Signos e síntomas

O período de incubación (tempo transcorrido entre a exposición e a aparición dos síntomas) da enfermidade polo virus de Zika non está claro, pero probablemente sexa de poucos días. Os síntomas son similares aos doutras infeccións por arbovirus, entre elas o dengue, e consisten en febre, erupcions maculopapulares, conxuntivite, mialxias, artralxias, malestar e cefaleas; adoitan durar entre 2 e 7 días.

Durante os grandes brotes que se produciron na Polinesia francesa en 2013 e o Brasil en 2015, as autoridades sanitarias nacionais notificaron potenciais complicacións neurolóxicas e autoinmunes da enfermidade polo virus de Zika. Recentemente, no Brasil, as autoridades sanitarias locais observaron un aumento das infeccións por este virus na poboación xeral, así como un aumento dos nacidos con microcefalia no nordeste do país.

Os organismos que están a investigar estes brotes están a atopar probas cada vez máis numerosas dunha relación entre o virus de Zika e a microcefalia, aínda que son necesarias máis investigacións para entender esa relación. Así mesmo, están a investigarse outras causas posibles.

Transmisión

O virus de Zika transmítese ás persoas a través da picadura de mosquitos infectados do xénero Aedes, e sobre todo de Aedes aegypti nas rexións tropicais. Este mosquito é o mesmo que transmite o dengue, a febre chikungunya e a febre amarela.

Os primeiros brotes de enfermidade polo virus de Zika describíronse no Pacífico en 2007 e 2013 (Yap e Polinesia francesa, respectivamente), e nas Américas (Brasil e Colombia) e África (Cabo Verde) en 2015. A iso hai que engadir que máis de 13 países das Américas notificaron infeccións esporádicas polo virus de Zika, o cal indica que este está a ter unha rápida expansión xeográfica.

En España, neste mes de Xaneiro, 3 persoas foron diagnosticadas co zika; dúas mulleres suramericanas en Cataluña, que contraeron o virus a finais do ano pasado nos seus países de orixe, onde probablemente foron infectadas por un mosquito; e un varon de Castela Leon que se contaxiou en Colombia.

Diagnóstico

O virus de Zika diagnostícase mediante PCR (reacción en cadea da polimerasa) en tempo real e illamento en mostras de sangue. O diagnóstico serológico pode resultar difícil, e o virus pode presentar reaccións cruzadas con outros flavivirus, como os virus do dengue, do Nilo Occidental e da febre amarela.

Prevención

Os mosquitos e os seus lugares de cría supoñen un importante factor de risco de infección polo virus de Zika. A prevención e o control dependen da redución do número de mosquitos a través da redución das súas fontes (eliminación e modificación dos lugares de cría) e da diminución dos contactos entre os mosquitos e as persoas.

Para iso pódense utilizar repelentes de insectos, roupas (preferentemente de cores claras) que cubran o corpo tanto como sexa posible, barreiras físicas como mosquiteros ou o peche de portas e xanelas, e mosquiteros de cama.

Tamén é importante baleirar, limpar ou cubrir os utensilios que poidan acumular auga, como cubos, macetas ou pneumáticos, eliminando así lugares de cría de mosquitos.

Hai que prestar especial atención e axuda a quen non poden protexerse adecuadamente por si sós, como os nenos, os enfermos ou os anciáns.

Durante os brotes, as autoridades sanitarias poden recomendar a fumigación con insecticidas. Os insecticidas recomendados polo Plan OMS de Avaliación de Praguicidas tamén se poden utilizar como larvicidas para tratar recipientes de auga relativamente grandes.

Os viaxeiros deben adoptar as precaucións básicas descritas anteriormente para protexerse das picaduras de mosquitos.

Tratamento

A enfermidade polo virus de Zika adoita ser relativamente leve e non necesita tratamento específico. Os pacientes deben estar en repouso, beber líquidos suficientes e tomar analxésicos comúns para a dor. Se os síntomas empeoran deben consultar ao médico.

Na actualidade non hai vacinas.

Documentación

O Ministerio de Sanidade de España considera que existe un risco de transmisión autóctona do virus Zika durante os meses de calor. Xa que o mosquito Aedes que o transmite está presente en 14 provincias de 7 comunidades autónomas (Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Baleares, Andalucía, País Vasco e Aragón).

E publicou as seguintes recomendacions:

 

FONTE: World Health Organization, statement, Jan., 2016

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Emprego de cookies

Este sitio web emprega cookies para que poida disfrutar da mellor experiencia coma usuario. Se vostede continúa navegando, consinte e acepta as mencionadas cookies e a nosa política de cookies, Pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies